En portadaÚltima hora

Mascaradas de diferentes puntos da península tomarán nesta fin de semana Viana do Bolo e Vilariño de Conso

As dúas vilas acollerán VIII ViBoMask Festival Internacional Mascarada Ibérica

 

Algunhas das mascaradas de inverno máis senlleiras da Península Ibérica tomarán as rúas de Viana do Bolo e de Vilariño de Conso nesta fin de semana. Estas dúas localidades serán escenario dos desfiles do VIII ViBoMask Festival Internacional Mascarada Ibérica.

No caso de Viana do Bolo o desfile está previsto na tarde deste sábado a partir das 16:45h., cun percorrido que abrangue o campo da feira, a rúa Toural, a rúa San Roque, a Praza Maior e rematará na rúa das Mazairas. Neste singular comitiva chea de rituais, son, danzas e máscaras participarán diversas manifestacións do Entroido da provincia de Ourense como os fulións e boteiros de Viana do Bolo, os de Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso, o Fulión de Mormentelos, o de Buxán ou o fulión e Mázcaras de Manzaneda. Así mesmo estarán presentes os Cigarróns de Verín, as Bonitas de Sande (Cartelle), o Entroido de Laza, os Felos de Maceda, os Troteiros de Bande, o Touro e o Xigante de Celavente (O Bolo).

Así mesmo, participarán outros Entroido de Galicia como as  Madamas e Galáns de Cobres (Pontevedra), os Merdeiros de Vigo, o Rancho e Cabaleiros do Entroido da Feira (Salceda de Caselas), o Entroido Ribeirao (Lugo), o Entroido de Samede (A Coruña) e os Xenerais da Ulla.

 

 

Tamén poderán verse outras mascaradas de inverno como a Vijanera de Silió (Cantabria), de Castela e León como o Entroido de Pombriego (Zamora) ou os Zamarraches e Pastores de Casavieja (Ávila), así como do País Vasco, Castela-A Mancha e do nordeste de Portugal.

Xa pola noite, a partir das 23h, será a quenda para o ViBoMusic coas actuacións dos grupos musicais Nova Era, Guezos e SkaloPndras, na praza Maior.

O domingo, 19 de marzo, ás 11.45 horas co desfile das mascaradas desta edición polas rúas do concello de Vilariño de Conso.

Esta oitava edición do ViBoMask Festival Internacional Máscara Ibérica será organizada pola Asociación Robreda, os Fulións Rurais de Viana e a Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso en colaboración cos Concellos de Viana do Bolo e Vilariño de Conso (tamén coorganizadores) e da Deputación de Ourense-Inorde.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella/ A.R.

Artigos relacionados

Back to top button