Rodeados de utensilios de cociña e ingredientes, os medio cento de nenos e nenas participantes no III Minichef Obarcoaberto colocábanse o mandil para comezar unha sesión de cociña que se desenvolvía entre o lúdico e aprendizaxe. Acompañados das súas mais, pais ou avoas, participaban nesta singular iniciativa promovida pola Asociación Centro Comercial Aberto (CCA) O Barco coa que se logra converter aos máis pequenos da casa en cociñeiros por un día.

A actividade comezaba a partir das 18h. no pavillón vello do Barco (a chuvia obrigaba á organización a modificar o lugar) picando cebola e pementos (verdes e vermellos) de cara a preparar unha empanada. Así a sesión, guiada por Darlene Dobao e Yolanda Anta de Pastelería A Casiña, incluía a elaboración, en directo, de dúas receitas de cociña, unha empanada mariñeira e un tiramisú de limón, que os participantes levaban para a súa casa.
Fotos e vídeo: O SIL.