CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Medio millar de gaiteiros daranse cita en Manzaneda no Certame Celtibérico de Gaitas

Este ano faranlle unha homenaxe ao xornalista Luis Rial e terán unha distinción especial co Centro Galicia de Ponferrada
Gustavo Sanmartín, Rosendo Fernández, Xosé Lois Foxo e Félix Domínguez. // Foto: Carlos Asensio.

Cabeza de Manzaneda converterase, por oitavo ano consecutivo, na capital galega da gaita. Máis de 500 gaiteiros daranse cita nesta vila no Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas “Memorial Gabino García”, que se celebrará os vindeiros días 29 e 30 de xullo.

Así, este festival acada este ano unha dimensión internacional, ao contar coa actuación de Liesa e Ulrich Künzelmann, gaiteiros de Dresde (Alemaña), así o informou hoxe, 21 de xullo, Xosé Lois Foxo, director da Escola Provincial de Gaitas. “Faremos, con estes convidados, unha mención especial á gaita centroeuropea”.

Foxo destacou que a noite do 29 de xullo farase “unha Noite Celta”, na que van actuar estes gaiteiros alemáns con Marco Foxo, así como as cantareiras da Real Banda de Gaitas e a Real Xuvenil. “Tamén faremos un recoñecemento especial ao Centro Galicia de Ponferrada e unha homenaxe ao xornalista radiofónico Luis Rial”, explicou Foxo. Pola súa banda, o alcalde de Manzaneda, Félix Domínguez, asegurou que nestas dúas xornadas “os visitantes poderán gozar de música, gastronomía e tradicións nesta contorna de montaña, rodeados de folclore”.

Tras a celebración da “Noite Celta”, o sábado 29 ás 22:00 horas, o domingo 30 de xullo terá lugar a celebración do certame, entre as 11:00 e ás 13:00 horas, coas actuacións das bandas de gaitas de Vilariño de Conso, Flariz, Preparatorio, Concello de Riós, Ladies Band e Municipal de Chantada, para seguir coa exhibición do Folión de Buxán (O Bolo), a actuación dunha representación do Centro Galicia de Ponferrada, a actuación de Liesa e Ulrich Künzelmann e o concurso de gaiteiros solistas, rematando coas actuacións das bandas de Monforte de Lemos e a Real Xuvenil.

Posteriormente, a partires das 13:20 horas, terá lugar unha ofrenda floral na memoria de Gabino García, acompañada pola Banda de gaitas do Concello de Manzaneda, para seguir coa entrega de medallas e a actuación conxunta de todos os gaiteiros e bandas participantes.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button