EconomíaEconomíaÚltima hora

Medio Rural: “Os Servizos Veterinarios informaron ao titular dos motivos epidemiolóxicos polos que era necesario sacrificar todos os animais da explotación de Manzaneda”

A consellería sinala que a medida determinouse "tras a confirmación laboratorial da existencia de tuberculose bovina nela, co que se busca atallar o foco da enfermidade"

 

Logo da concentración de gandeiros e agricultores que tiña lugar este mediodía en Palleirós (Manzaneda) ante a visita de responsables de Sanidade Animal para proceder o marcado de vacas da explotación afectada por un baleirado sanitario, dende a Consellería de Medio Rural indícase que “os Servizos Veterinarios Oficiais informaron exhaustivamente ao titular da explotación de Manzaneda na que se detectou un caso de tuberculose bovina, en relación a todas as circunstancias relacionadas co foco detectado. Como é habitual nestas situacións, facilitóuselle, por parte de persoal da Consellería, toda clase de información sobre o contido da normativa en vigor, os motivos epidemiolóxicos polos que resultaba necesario o sacrificio da totalidade dos animais da explotación, o proceso a seguir -cumprindo escrupulosamente a mencionada normativa vixente-, así como das indemnizacións ás que se podería acoller”.

Medio Rural apunta que todo isto fíxose “para favorecer que os servizos públicos de sanidade animal realicen o seu traballo no marco dunha cuestión con repercusións non só na sanidade animal, senón tamén na saúde pública (trátase dunha enfermidade transmisible ás persoas) e consonte ao establecido na lexislación. Cómpre lembrar, neste sentido, que o sacrificio obrigatorio dos animais da explotación afectada determinouse tras a confirmación laboratorial da existencia de tuberculose bovina nela, co que se busca atallar o foco da enfermidade para así poder ofrecer unha viabilidade futura á explotación afectada e protexer ás restantes explotacións libres de Galicia. Nesta situación é preciso sacrificar os animais do rabaño afectado nos prazos establecidos e comunicados ao titular gandeiro, segundo sinala a normativa, pola que se rexen as actuacións dos servizos veterinarios oficiais, que sempre están dirixidas á protección do sector gandeiro, a sanidade animal e a saúde pública”.

Así a consellería volve incidir en que esta medida de control sanitario está contemplada como obrigatoria no programa nacional de erradicación da tuberculose bovina aprobado pola Comisión Europea, e dá dereito a indemnización ao titular dos animais e que “os gandeiros tamén perciben o valor da carne dos animais sacrificados no matadoiro, así como os importes dos seguros agrarios subscritos” e, “como actuación complementaria de colaboración co sector gandeiro nestes casos, os labores de limpeza e desinfección das instalacións que albergan os animais son asumidas directamente pola propia administración”.

Artigos relacionados

Back to top button