ConcellosÚltima hora

Medio Rural prohibe as queimas agrícolas e forestais a partir do 1 de xullo

Esta prohibición prolongarase ata finais de outubro, aínda que “se as condicións meteorolóxicas o permiten” poderíase levantar no mes do outono, segundo a consellería

Este domingo 1 de xullo comezará a campaña de alto risco de incendios forestais en Galicia e, por primeira vez, estenderase ata o 31 de outubro. “Isto conleva a suspensión sistemática dos permisos de queimas agrícolas e forestais no monte, se ben é certo que esta prohibición poderíase levantar no mes de outubro se as condicións meteorolóxicas o permitisen”, segundo vén de facer público a Consellería do Medio Rural.

A decisión de estender a temporada de alto risco decidiuse “despois de que nos últimos anos as condicións meteorolóxicas en outono fosen favorables para a propagación de lumes. Lembramos que o operativo está xa dispoñible e a pleno rendemento, incrementando tamén a prestación do servizo dos fixos-descontinuos da Xunta e as brigadas de Seaga e Tragsa, que pasarán de 3 a 4 meses ata o 31 de outubro”, segundo Medio Rural.

A partir do 30 de xuño, a consellería di que se reforza “o dispositivo establecido no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, Pladiga. Este ano, como nas últimas campañas, o dispositivo de verán estará integrado por uns 7.000 efectivos, con 5.700 profesionais da Xunta, que estarán apoiados por persoal do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, do Exército e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e outras entidades locais. Ademais, cóntase cunha trintena de medios aéreos –entre os propios da Xunta e os que aporta o Estado– e 360 motobombas da Administración autonómica, dos concellos e dos parques de bombeiros, aos que se engaden cisternas, pas e outros vehículos”.

A Consellería do Medio Rural pide “o máximo compromiso contra os incendios forestais na loita contra a actividade delituosa incendiaria, denunciando estas accións cando teña coñecemento delas”, e lembra que está a disposición da cidadanía o teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar no caso de detectar un incendio forestal.

Artigos relacionados

Back to top button