ConcellosÚltima hora

O “mellor e máis exclusivo banco do mundo”, para Salesa

O 16 de setembro celebrarase unha andaina dende O Bolo ata o Mirador de Salesa para inaugurar a obra

Hai poucas plataformas que espallen as novas con tanta rapidez e eficacia como as redes sociais, especialmente o Twitter e o Facebook. E foi a través desta última como xurdía unha iniciativa tan curiosa como bonita e emotiva: instalar un banco único nun lugar único ao que deron en chamar “O Mirador de Salesa” en homenaxe a unha persoa ben querida polos seus veciños de Celavente e de todo o concello do Bolo, falecida hai un ano.

Todo xurdía hai uns meses dende o grupo de Facebook “A Torre da Homenaxe de O Bolo” dende onde José Rodríguez (administrador) plantexou a posibilidade de que entre todos se levara a cabo a idea. Foi a raíz da publicación de Maria Jesús Calvo Otero da foto dunha “impresionante panorámica dende a que se poden observar aldeas e montañas dos Concellos de O Bolo, Viana, Vilariño, Manzaneda, Trives, Larouco, A Rúa, Chandrexa de Quiexa…”, di o propio José, explicando que ao ver a imaxe e coñecer a historia “xurdiume a idea de crer que podiamos facer realidade o soño dunha persoa que xa no está connosco e que, buscando os permisos necesarios e a colaboración voluntaria da xente poderíase levar a cabo unha gran idea: colocar un banco nun lugar determinado para que todo o mundo puidera desfrutar dunha panorámica incrible”.

 

O banco instalado xa no Mirador de Salesa que ten unha fantásticas vistas.

A partires de aí, e despois de pedir o permiso correspondente á familia, a maquinaria púxose en marcha falando co Concello para conseguir os permisos necesarios e dar o seguinte paso, negociar con Brais (artista da madeira de Chandoiro) a construción dun banco artesán “que fora algo diferente ao que estamos acostumados a ver nos xa coñecidos como “El Mejor Banco del Mundo”. O último paso era promover a financiación para a fabricación do que sería “o noso melllor e máis exclusivo banco do mundo (e o máis raro) a través de aportacións voluntarias dos veciños e amigos do concello que xa nos demostraran que se pode contar con eles para estas accións que van en beneficio de toda a comunidade”, explica José.

 

Un detalle do banco contruído por Brais.

Uns meses despois, conseguían o reto e o banco adicado a Salesa Losada (Pescados Marta), xa está no seu privilexiado lugar, o Mirador de Salesa, moi preto de A Fraga dirección Aceveda. Para inaugurar este banco, o sábado 16 de setembro está prevista unha andaina duns 10 quilómetros (ida e volta) que partirá ás 9:30h. dende O Bolo (Volobriga) en dirección a Os Hortos e Viduedo, xa en Celavente, para chegar ata a capela dos Navallos. Dende aí subirán á Fraga e a uns 500 metros do pobo en dirección a Aceveda, atópase o mirador onde se ubica o banco.

Totalmente gratuíta, esta actividade está pensada para que todos os veciños coñezan este lugar polo que cada un participará baixo a súa propia responsabilidade. Sen dúbida unha bonita forma de lembrar a Salesa, a veciña de Celavente que durante anos levou o pescado fresco de pobo en pobo.

Fotos cedidas

Artigos relacionados

Back to top button