A mellora para o abastecemento de auga nos núcleos da parroquia de San Martiño, no concello de Verea, supón unha inversión de 87.000 euros por parte da Xunta de Galicia. A delegada territorial en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, supervisou hoxe, 5 de xullo, devanditos traballos de mellora.
Díaz Mouteira estivo acompañada nesta visita polo alcalde do municipio, Juan Antonio Martínez, e a xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Victoria Núñez.
Actualmente a parroquia de San Martiño dispón dun sistema de abastecemento de auga que resulta deficitaria. Os seus núcleos: Casal de Bispo, San Martiño, Nogueira e Saa abastecíanse dunha captación moi antiga con moi pouco caudal e o problema agravábase durante os meses de verán debido á maior escaseza de recurso e ao incremento da poboación que depende desta infraestrutura durante o período estival.
Segundo informou Marisol Díaz, co fin de solucionar estes problemas, “estase a executar unha nova captación de auga e posteriormente conducirase ata o depósito existente, para conectarse de seguido coa rede actual de Casal do Bispo, que abastece á parroquia”. No depósito existente construírase unha caseta pegada á cámara de chaves na que se instalará un equipo dosificador de hipoclorito para garantir a potabilización da auga. Ademais, e para protexer a rede de abastecemento actual, instalarase un equipo de válvula redutora de presión.
A máxima representante do Goberno galego subliñou que a Xunta de Galicia, mediante a execución deste tipo de actuacións, “pretende garantir a subministración de auga en calidade e cantidade á poboación”. Ademais, a renovación da rede de abastecemento evitará perdas de auga e evitará filtracións ao medio, mellorando a calidade dos recursos hídricos.