SanidadeÚltima hora

Mellorarase o illamento térmico do Centro de Saúde de Sarreaus

O conselleiro de Sanidade e o alcalde de Sarreaus veñen de asinar un convenio con este fin ao que destinarán mais de 30.000 euros

 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Sarreaus, Gumersindo Lamas Alvar, acompañados polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, veñen de asinar un convenio no que se establecen as bases para o cofinanciamento para levar a cabo as obras de reforma que consistirán na substitución do material de cubrición da cuberta existente.

Procederase a substitución da capa de cubrición de cuberta de tella curva por un faldón de cobertura de tellas cerámicas fixadas sobre placa de microcemento e rastreles de madeira de pino que permitirá aumentar así o illamento térmico da envolvente do edificio, mellorando a impermeabilidade da cuberta e a seguridade do edificio.

O conselleiro de Sanidade agradeceu a boa disposición do alcalde para poder asinar este convenio, con tempo suficiente para que se poida licitar a obra e executarse en prazo. Deste modo, o persoal e os pacientes do centro de saúde de Sarreaus contarán cun centro de saúde mellor e máis confortable.

 

 

A sinatura deste convenio significa dar un paso máis na renovación das infraestruturas de atención primaria existentes en Galicia. Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 102 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as 5 obras que están arestora en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

En particular, na provincia de Ourense, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de A Merca, Toén, Entrimo, Vilar de Santos, Vilamarín, Barbadás, Pontedeva, Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz e as reformas de A Peroxa (Os Peares) e de Carballeda de Avia, mentres que se atopan iniciadas as reformas nos centros de saúde de Arnoia e Ribadavia.

Un terzo destas actuacións téñense levado a cabo en centros de saúde de titularidade municipal, nos que a Xunta de Galicia achega os fondos para cofinanciar a obra. Só no ano pasado, a Xunta achegou preto de 700.000 euros para 16 convenios de reforma de centros de saúde de titularidade municipal coma este, asumindo os concellos a outra arte do gasto. Nesta mesma liña, e a través de cofinanciamento cos concellos, reformáronse centros de saúde como os de Leiro, Carballeda de Valdeorras, Lobios ou Cenlle. De feito, durante o ano 2021, o executivo galego tamén asinou convenios de reforma dos centros de titularidade municipal nos concellos de O Bolo, Amoeiro, Beariz, Rairiz de Veiga, Vilardevós, Maside, Castro Caldelas e Castrelo de Miño.

Artigos relacionados

Back to top button