
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, recoñece o labor que os docentes e os equipos directivos realizan no día a día nas aulas a prol dun ensino máis inclusivo, “unha cuestión prioritaria para o Goberno galego que se vai reforzar cunha nova estratexia neste eido que se está ultimando logo da posta en común e o diálogo co conxunto de actores da comunidade educativa”.
Así o sinalaba na mañá deste xoves 24 de abril no acto de recoñecemento a 18 centros educativos, entre os que figuran varios ourensáns, polas súas boas prácticas no eido da inclusión e da convivencia escolar nos Premios de boas prácticas de inclusión educativa, ConVivimos e Tolerancia cero contra o acoso escolar, no que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández. O obxectivo destes galardóns, impulsados pola Consellería de Educación, é “fomentar a participación do alumnado en actividades que promovan o respecto polo dereitos humanos, a atención á diversidade, a convivencia e o bo clima nas aulas e o benestar emocional, e que estes proxectos sirvan de exemplo para o conxunto da comunidade educativa”.
Na provincia de Ourense, o IES Carlos Casares de Viana do Bolo e o CEIP Plurilingüe do Xurés de Lobios recibían unha mención de honra nos Premios de boas prácticas de educación inclusiva 2024; o CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel de Ourense, o 1º no II Premio ConVivimos 2024 de convivencia e benestar emocional; e o IES Xesús Taboada Chivite o 2º no Premio tolerancia cero fronte ao acoso 2024.
Segundo asegurou o conselleiro, a Estratexia de inclusión educativa de Galicia, que se presentará en breve, “será a folla de ruta que se despregará a partir do vindeiro curso coa implementación de novas accións de inclusión e o reforzo das xa en marcha como estes galardóns que formarán parte dela”.