En portadaGalerías de fotosSen categorizarÚltima hora

Miguel Ángel, Premio Ourensanía 2017: “A ser ourensán eu nunca perdo”

O exgardameta do Madrid entre o 1968 e 1986, e orixinario do barrio ourensán do Couto, recolleu o VII Premio Ourensanía nunha solemne cerimonia no Teatro Principal de Ourense
Alberto Núñez Feijóo, Miguel Ángel e Manuel Baltar, escoitando á Real Banda de Gaitas antes de entrar no Teatro Principal. // Foto: Carlos G. Hervella.

Emocionante xornada no día de hoxe, 11 de novembro, día do Patrón de Ourense e tamén día da celebración do Premio Ourensanía 2017. O Teatro Principal encheuse de xente, personalidades políticas, como o presidente da Xunta, Albeto Núñez Feijóo, e civís, así como como amigos, familiares e compañeiros do ex porteiro do Real Madrid, Miguel Ángel, galardoado deste ano coa máxima distinción que concede a Deputación de Ourense a queles ourensáns ou persoas vencelladas á provincia que teñen destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais. A celebración arrancou fóra do Teatro, coa múisca da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense.

O acto estivo conducido polo presentador e xornalista Juan Maceiras e amenizado coa música de Madem Ladson, “ourensá de adopción e sentimento” dixo o presentador. Tras a primeira actuación de Ladson, subiu ao estrado a voceira do xurado deste concurso, Eva Torres, que se encargou de ler a acta na cal se especificábanse as calidades polas cales se lle outorga este premio a Miguel Ángel, orixinario do barrio ourensán do Couto: “por seres un dos deportistas ourensáns que máis altas cotas de recoñecemento acadou como compoñente dalgunha das formacións madrdidistas máis parte da historia do fútbol español”, asemade, o xurado deste VII Premio Ourensanía salientou “a humildade e a bonhomía” de Miguel Ángel, que foi o gardameta do Real Madrid entre 1968 e 1986.

Tras iso, fóronse sucedendo felicitacións diversos amigos de Miguel Ángel a través de vídeo, entre os que estiveron os xogadores “Guti”, Roberto Carlos ou Raúl, así como históricos da agrupación madrdidista como Paco Buyo, Enrique Castro González, Fernando Hierro ou Santillana, sen esquecer ao seleccionador nacional, Vicente del Bosque.

Pero a emoción encheu o Teatro Principal cando subiu ao estrado Emilio Butragueño, que salientou de Miguel Ángel “a súa sensatez, madurez e responsabilidade” e reiterou que con xente como Miguel Ángel “os valores do Real Madrid creceron”.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, entrégalle o Premio Ourensanía a Miguel Ángel. // Foto: Carlos G. Hervella.

E finalmente, chegou o momento máis agardado por todos, o discurso do premiado. O propio Miguel Ángel dirixiuse ao público, coa voz cortada pola emoción, asegurando que hoxe “é un día moi especial para min”, a pesares de que reiterou que o de falar en público non era o seu: “é moito máis difícil que parar un gol”, dixo. Miguel Ángel tivo palabras de agarimo coa súa dona “unha ourensá coa que levo 47 anos casado”, dixo. De seguido, reiterou que este premio “é unha responsabilidade moi grande”, dicindo que a pesares de non vivires na cidade das Burgas “veño aquí a cortar o pelo”. O galardoado tamén quixo facer unha mención aos lumes de Galicia, asegurando sentirse “entristezo cando uns criminais queiman a miña terra sen recibires o castigo que merecen”.

No campo do sentimento de “Ourensanía”, Miguel Ángel reiterou que Ourense está “sempre presente na miña casa”, posto que a decoran cadros de Prego de Oliver, Quessada, Acislo… contou, e que de cando en vez “teño que ler o libro ‘O mouchiño mira ao Barbaña’ de Xaime Quesada, para non esquecer de onde veño, do barro do Couto”. Por estes outros motivos, o exgardameta do Real Madrid asegurou que “ás veces gáñase, outras empátase e outras pérdese, pero a min a ser ourensán non me gaña ninguén, eu nunca perdo”.

Momento do discurso do galardoado, Miguel Ángel. // Foto: Carlos G. Hervella.

Pola súa banda, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, anunciou durante o seu discurso que as futuras Copas da Deputación “vanse chamar Copas Miguel Ángel” e que manterá conversas coa Peña Madridista “para musealizar os recordos da súa carreira futbolística”. O xefe do executivo provincial lembrou o alcume de Miguel Ángel, “o Gato”, polas súas especiais calidades como gardameta. Asemade, reiterou que Miguel Ángel foi “un precursor da galeguidade”, por participares nunha campaña a favor da lingua galega, expresou Baltar, quen entregou a estatuíña de bronce, obra do escultor Xosé Cid, e que representa a ese premio Ourensanía.

E, tal e como fixo Baltar, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, desfíxose en loas co galardoado, asegurando que “está no Olimpo deportivo e sempre conservou a súa ourensanía, ese carácter aberto, esa conquista pacífica e afectiva coa que dialogamos con todo o mundo”.

A Coral de Ruada pechou a cerimoña interpretando “Ourense ao lonxe” e o himno oficial da Provincia de Ourense, “Ourense no solpor”, de Manuel de Dios.

Texto: Carlos Asensio.

Fotos da galería: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button