CulturaCulturaÚltima hora

Miguel de Lira estará na estrea do filme “Eroski Paraíso” no Barco

Será o luns 16 de decembro no Teatro Lauro Olmo, nun acto no que tamén participará o produtor da película, Gaspar Broullón

Miguel de Lira con outra das actrices da película, Patricia Lorenzo./ Cedida.

 

Tras representarse hai xa un par de anos sobre as táboas do Teatro Lauro Olmo do Barco, “Eroski Paraíso” volve a este mesmo escenario pero convertida en película da man dos directores Jorge Coira e Xesús Ron. O filme, unha produción de Chévere e Ollo Vivo, chegará nesta fin de semana aos cines galegos e entre as primeiras salas nas que poderá verse estará a do Barco (a partir do sábado 14 de decembro).

“Falamos dun filme galego e temos a sorte de ter a estrea a nivel mundial aquí nesta fin de semana”, resalta a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta. Ademais, engade, haberá un acto de presentación previsto para o luns 16 de decembro ás 20:45h. no que se contará coa presenza dun dos seus actores Miguel de Lira e do produtor da película Gaspar Broullón. “Presentarán a película, que ten unha duración duns 75 minutos, e despois da súa proxección terá lugar un coloquio cos asistentes”, matiza a concelleira.

 

A concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

“Eroski Paraíso” é unha comedia que explora a memoria colectiva, as voltas que dá a vida e a transformación das relacións nunha comunidade pequena. Baséase en historias reais que sucederon no Paraíso, unha famosa sala de festas de Muros que pechou en 1990 e que, ao cabo dos anos foi convertida nun supermercado Eroski.

Na película nárrase a historia de Álex (Cris Iglesias), unha nova cineasta, que decide facer un filme sobre a historia dos seus pais. Eva (Patricia de Lorenzo) e Antonio (Miguel de Lira) coñecéronse na citada sala de festas Paraíso en 1989, casaron e tiveron unha filla. Agora están divorciados, levan anos sen verse e a antiga discoteca onde se coñeceron é un supermercado Eroski.

 

Artigos relacionados

Back to top button