PolíticaÚltima hora

Mini pon voz e música á III Festa da Patria na Rúa

Por terceiro verán consecutivo, o campo de San Roque na Rúa acollía a Festa da Patria, un acto lúdico-político, da man do BNG de Valdeorras. Esta celebración comezaba a partires das 21h. deste venres 19 de xullo cunha petiscada para simpatizantes desta formación política e tamén para veciños.

A continuación tiñan lugar as intervencións da concelleira do BNG na Rúa, María Albert, e de Xosé Luis Rivas “Mini”, deputado no Parlamento galego, quen lembraba o espertar da conciencia nacionalista e como foi prendendo e penetrando na xente. Tamén aludía ao “decenio negro de Feijóo, a xente palpa e sabe os problemas da sanidade, que se está privatizando, e temos que recordarllo porque o nacionalismo a pesar dos atrancos e dos medios medios de incomunicación está aí, e pesamos cada vez máis”.

Mini tamén destacaba que a verdadeira “celebración da patria é conquistar o goberno galego, temos que dicirlle á xente que só nós sabemos gobernar dende aquí e para aquí. Iso é para nós a celebración da patria, non é unha bandeira nin un himno máis, é a esperanza deste país. Pensade en positivo, o país aínda ten todos os posibles para facelo entre todos e para que sexa unha patria de verdade”. Ademais poñía o broche musical á celebración dando paso á súa faciana de cantante e interpretando varias pezas coa compaña da súa guitarra.

Esta “Festa da Patria” era un acto previo en Valdeorras do que será a celebración o vindeiro 25 de xullo do “Día da Patria Galega”, no que o foco se pon en Compostela. Está promovido polo BNG de Valdeorras.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button