Hai 18 anos chegaba ás terras de Viana do Bolo un novísimo sacerdote que pronto se faría coas parroquias e os seus fregueses. D. Ignacio Lindoso González estivo case dúas décadas á fronte das parroquias de Viana do Bolo e Vilariño de Conso que neste 2024 deixa para vovler á súa terra, en Ponferrada.
E faino convertido nun referente eclesiástico e tamén social para os fregueses que o seguían fielmente cada domingo e festa de gardar pero tamén noutro tipo de actividades sociais, solidarias e educativas pois daba asemade clases no colexio. Por iso son numerosas as persoas que na xornada deste sábado 7 de setembro se xuntan para homenaxealo e despedilo por todo o alto.
O primeiro acto de despedida era a misa de acción de grazas que tiña lugar na igrexa parroquial de Viana, onde se reunía xente das parroquias de Viana e Vilariño, concelebrada por catro sacerdotes, o propio homenaxeado e tres compañeiros, Belisario, Luis e Manolo que loaron o labor de “Nacho” como é coñecido, á parte de como D. Ignacio, ao longo destes anos. A modo anecdótico, Manolo lembraba que daba a súa primeira misa en Grixoá, coincidindo coa entrada en vigor do carné por puntos, asegurando que “comezou esta aventura hai 18 anos preparándose moi ben para atender estes pobos do rural, moi difertentes á cidade e máis neses tempos”.
No discurso, cargado de emotividade e sentimento, Manolo falou do que pasa sempre cando chegan a unha parroquia por primeira vez “cheos de ilusión ata que atopas a un grupo de persoas, pequeno, que te queren moito sen saber por qué, que te saúdan e danche de todo; e despois atopas outro grupo, tamén pequeno, de xente que te odia, sen saber por que; e despois está a inmensa maioría á que hai que coñecer e vale a pena e iso Nacho si que se esforzou por facelo ao longo e ancho de todo o territorio”.
Trala misa, a celebración continuaba no Pavillón Municipal de Viana do Bolo cunha cea de despedida.
Fotos e vídeos: O SIL.
Máis información: