Ante o relanzamento que está a experimentar o sector eólico, os grupos municipais no Barco do PSdeG-PSOE, BNG e Riada Cidadá veñen de presentar unha moción conxunta, que se debaterá no pleno de marzo, pedindo “un novo modelo eólico integral”. Os detalles do seu contido dábanse a coñecer nunha rolda de prensa este 2 marzo coa presenza dos voceiros de cada unha desas formacións políticas: os concelleiros Aurentino Alonso (PSdeG-PSOE), Suso Vilasánchez (BNG) e Félix García (Riada).
“O día 1 de marzo presentáronse as alegacións técnicas ao Parque Prada, previsto nos concellos do Barco, A Veiga e Carballeda de Valdeorras, pero o que hoxe facemos é presentar unha moción que vai máis alá. A capacidade que ten un concello de decidir se se instala un parque eólico ou non é mínima, isto decídese a outros niveis, concretamente os da Xunta de Galicia e o Goberno central. Por iso nós queremos ir máis alá e elaboramos un documento no que, no caso de que un ou varios parques se instalen na comarca, pois os propietarios reciban a cambio algo, xa que o que ata agora o que recibían era mínimo”, comentaba o voceiro municipal socialista, Aurentino Alonso.
Nese senso, piden na moción un “novo modelo eólico integral coa participación de todos os sectores implicados, que poña solución aos problemas expostos”, incidindo en catro puntos principais: o económico, a transparencia e participación, o patrimonial e medioambiental e o da planificación. No referente ao primeiro apartado, pídese “establecer os tipos de gravame nos máximos permitidos para os impostos de xestión municipal vintulados coa actividade eólica, ademais de establecer no canon eólico e no Fondo de Compensación Ambiental que o canon sexa establecido pola potencia instalada do parque, utilizando a recadación íntegra para actuar sobre melloras nos concelos e nas comunidades locais afectadas pola instalación dos ditos parques”.
Ademais pídese a introdución de “protocolos de intercambio de información cos actores locais para maximizar o impacto económico no territorio afectado” e “implantar algún tipo de canon ou axuda directa que reverta nos concellos polos que pasan as liñas de evacuación”, xunto coa “obrigatoriedade de que este tipo de instalación leve aparellada un plan industrial para o territorio afectado”. Así mesmo na moción ínstase ás empresas promotoras a que “ante a crise actual e desmantelamento empresarial que está a padecer Galicia” se dea “preferencia aos bens de equipos fabricados na comunidade autónoma, así como a instalar a súa sede en Galicia”.
No relativo ao ámbito da transparencia e participación, a moción plantexa, entre outras cuestións, “establecer un modelo de contrato tipo para favorecer a transparencia e garantías cos propietarios rurais, así como aprobar un novo Plan Sectorial Eólico cunha ampla participación dos axentes implicados e que preceptivamente inclúa un informe do Consello Económico e Social e un amplo proceso de exposición pública de cara a reunir o meirande consenso posible”.
Tamén se incide de xeito especial na moción no ámbito patrimonial e medioambiental, incidindo especialmente en “reforzar as garantías patrimoniais e mediambientais dos territorios afectados pola instalación de novos parques eólicos, liñas de evacuación ou a repotenciación dos parques existentes, con especial atención á protección do territorio pertencente á Rede Natura e as súas futuras expansións”. Pídese así mesmo, entre outros aspectos, “implementar mecanismos de información e asesoramento medioambiental para as comunidades afectadas pola implantación de parques”.
Finalmente, no relativo á planificación a moción alude á dous cuestións. Por unha banda, “propoñer o deseño de figuras específicas para o fomento de parques eólicos comunitarios, reservando unha bolsa de MW anuais para a súa posta en marcha”; e pola outra, “establecer, ou ben a figura dos parques eólicos singulares ou unha reserva de participación para os concellos afectados no accionariado dos parques eólicos a instalar dentro do ámbito territorial dos propios concellos”.
O voceiro de Riada Cidadá, Félix García, destacaba na rolda de prensa que a moción vai encamiñada á normativa que actualmente xa existe noutras partes de Europa. “No caso do Parque de Prada trátase dunha empresa noruega, entón pensamos que debería respectar as condicións que xa teñen nese país os parques. Aquí en España esa normativa non está desenvolvida, por iso nós pedimos que se empece a desenvolver nese sentido, sobre todo tendo en conta que a curto prazo, se lle saen ben os plans ás eólicas, Valdeorras vaise encher de parques. Se non o facemos ben, vainos pasar como coas hidráulicas, que somos grandes produtores no Sil, pero os beneficios só os recibimos durante a construción dos encoros, iso é o que nos vai pasar tamén con isto se non cambia a normativa, por iso pedimos que parte do capital reverta nos concellos e nos propietarios dos terreos”.
Dende o BNG o concelleiro Suso Vilasánchez indicaba que “consideramos que esta é unha moción perfectamente desenvolta e con todos os temas tratados. Non entendemos como pode compaxinarse un desenvolvemento dese estilo dos parques eólicos cun desenvolvemento dun sector turístico desestacionalizado e rural no Barco. Non estamos en contra dunha enerxía verde nin eólica, eólicos si, pero non así”.
O único grupo político municipal do Barco que non asina a moción é o PP. “O PP participou na discusión en comisión, aportou ideas dende o primeiro momento, pero finalmente, retiráronse sen dar explicacións, simplemente dixeron que non podían asumir o que di a moción, supoñemos que no pleno explicarán os seus motivos”, indicaba Félix García.
Tanto dende o PSdeG, como dende Riada Cidadá e o BNG, manistábase que lles tería gustado que a moción fose apoiada por todos os grupos políticos da Corporación, “pero non foi posible”.