PolíticaÚltima hora

Moción socialista no pleno vianés para crear un paseo nas ribeiras do encoro do Bao

Ademais o grupo municipal socialista preguntará sobre o proceso para declarar de interese turístico nacional o Entroido de Viana do Bolo

 

O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo presenta unha moción para o pleno municipal do vindeiro 3 de febreiro na que insta ao goberno municipal a que proceda a construción dun paseo ou malecón nas ribeiras do encoro do Bao. O grupo municipal socialista plantexa que esta construción se leve a cabo “en dúas posibles localizacións que serían perfectas para acoller esta nova construción” e avogan “por que se realice ben tralo paseo existente o rematar a ponte da estada da Gudiña, ou ben facelo entre a ponte da estrada que se dirixe a Vilariño de Conso e a ponte da estrada da Gudiña”.

Dende a Agrupación Socialista de Viana do Bolo consideran que este proxecto serviría para aproveitar a “beleza que ofrece a paisaxe do encoro” e deste xeito “atraer turistas que buscan o contacto coa natureza”, ademais de servir para “o uso e desfrute da veciñanza de Viana, que contaría cunha infraestrutura nun lugar únicopolas súas condicións naturais”.

Os socialistas propoñen tamén que o paseo conte con bancos e árbores para que deste xeito a zona se converta nun lugar de “xuntanza e recreo”seguindo os exemplos do Malecón do Barco de Valdeorras ou do paseo que se está a construír entre Petín e A Rúa. Os socialistas apuntan a que “os terreos que están actualmente na beira do encoro carecen na súa maioría de uso e son propiedade de Iberdrola que ten os dereitos sobre as marxes embalsadas para o aproveitamento hidrográfico destas augas”.

Por este motivo, instan ao goberno municipal a “iniciar as conversas coa empresa propietaria do aproveitamento, para conseguir a cesión de ditos terreos para a construción de dito paseo”. Finalmente, os socialistas piden na moción que, no caso de resultar aprobarda, “se inicien tamén contactos coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil para deste xeito obter os permisos correspondentes para acometer dita construción”. Tamén instan ao goberno municipal a realizar as xestións “oportunas”ante a Xunta de Galicia, a Confederación Hidrográficae a Deputación Provincialde Ourense co fin de “obter fondos que permitan afrontar o investimentos destas obras e minimizar así a achega que teña que facer o Concello”.

Preguntas sobre o Entroido e un estudo de gas radón

Por outra banda, o PSdeG-PSOE de Viana do Bolo asegura que os gobernos municipais tanto na actual lexislatura como na anterior “non cumpriron coas iniciativas socialistas aprobadas en pleno, a pesar de que as decisións adoptadas nas sesións teñen que ser tomadas en conta e tratar de xestionar a súa realización”.

Neste senso, a concelleira socialista María Páez preguntará no próximo pleno municipal sobre o proceso para tramitar a declaración de Festa de Interese Turístico Nacionaldo Entroido de Viana do Bolo, “unha iniciativa socialista que foi aprobadatanto no pleno municipal como no Parlamento de Galicia, pero que descoñecemos en que punto se atopa”.

Ademais preguntarán sobre un estudo da afección do gas radón nas edificacións do Concello. “Non temos constancia de en que situación se atopan os trámites, nin si se contactou con algunha empresa especializada nestes traballos”, din os socialistas vianeses.

Artigos relacionados

Back to top button