
O Concello de Monforte, organiza a través do Conservatorio Municipal de Música Mestre Ibáñez, unha nova edición da xornada Conservatorio na rúa. Terá lugar mañá xoves 20 de xuño, entre as rúas Cardenal e Hermida Balado. O horario de celebración será entre as 19:00 e as 20:30 horas.
Este evento desenvolverase ao aire libre ubicando nestas rúas peonís puntos musicais con distintos instrumentos. Participarán alumnos e alumnas, así como profesores e profesoras do Conservatorio monfortino.
“Con esta mostra musical ao aire libre pretendemos dar a coñecer a actividade que se realiza no conservatorio dun xeito distinto ao habitual, máis aberto e público. Procurando a formación integral do alumnado e intentando crear ao mesmo tempo un ambiente musical nestas céntricas rúas” salienta o alcalde, José Tomé Roca. O acto estará condicionado pola climatoloxía.