Un cento de elementos sonoros propios de 18 máscaras da provincia de Ourense protagonizan a instalacións sonora “Ser son”, que acolle dende este 8 de marzo a Sala de Alterarte do Campus de Ourense. Trátase dunha proposta da artista italiana residente en Galicia Monica Mura, comisariada por Sara Donoso. Trátase dunha instalación sonora na que se recrea a través dun cento de campás orixinais o son de 18 entroidos ourensáns.
“Ser son é unha instalación sonora creada con 18 cordas, cada unha dedicada a unha máscara do Entroido da provincia de Ourense. Segundo a miña investigación son as 18 máscaras activas que empregan algún tipo de campá, chocos, chocas, axóuxeres, campaíñas, etc. calquera tipoloxía de campá dentro do propio traxe, da máscara”, sinalou a artista. A mostra forma parte dun proxecto de investigación no que asociacións de cada Entroido proporcionaron á artista información e material visual sobre as súas tradicións. Froito deste estudo, apuntou que “todas as máscaras da provincia de Ourense poden ser vestidas independentemente do xénero e da idade. Iso é algo que pode parecer anecdótico pero non o é, é o resultado de moitísimos anos de evolución que se ve reflectida na tradición do Entroido”.
Aínda que non foron aspectos buscados conscientemente, Monica Mura destaca tamén da mostra cuestións como o feito de que o número de campás presentes nela ascende a 100 (sumando arredor de 30 quilos de material) e que a exposición ten un aspecto monocromático. Neste senso chamou a atención sobre o feito de que moitas das campás incluídas non están fabricadas en Galicia, apuntando a perda deste oficio.
“O que quixen facer con esta instalación é representar un lugar, un espazo, unhas tradicións e unha memoria. Facer unha homenaxe a través do que é o son”, afirma Mura. As máscaras, indicou, os seus días grandes desfilan separadas, cada unha na súa aldea ou na súa cidade, e nesta exposición, apuntou a artista, “temos a posibilidade de xuntar todos os sons, extrapolalos do contexto da rúa e poñelos no contexto dunha sala de arte contemporánea e crear un novo son”.
A súa intención, aclara, “non é reproducir o son que les fan no Entroido nas súas aldeas, senón xuntalos, reinterpretalos cunha clave nova e facerlle unha homenaxe sumándoos no mesmo espazo”. Así, afirmou a artista, aínda que falamos das campás da provincia de Ourense “estes sons son ancestrais, calquera os ten dentro das tripas e no momento no que os oes pódente levar á túa orixe”. Para activar esta instalación na súa inauguración Monica Mura desenvolvía este martes unha performance na que fixo soar co movemento do seu corpo as campás e “deixando fluír a enerxía”, performance que tamén poden ver as e os visitantes da sala nun vídeo exposto nela.
Elementos sonoros de 18 máscaras ourensás
Os elementos sonoros representados na instalación foron cedidos por 18 entidades da provincia que representan a outras tantas máscaras: as Bonitas de Sande, os Boteiros de Viana do Bolo e de Vilariño de Conso, os Cabreiros de Muíños, os Chocalleiros de Vilardevós, os Cigarróns de Verín, os Felos de Esgos, os Felos de Maceda, os Follateiros de Lobios, os Labardeiros e as Señoritas de Mugares, a Mázcara de Buxán (O Bolo), a Mázcara de Manzaneda, as Pantallas de Xinzo de Limia, os Peliqueiros de Laza, as Pitas das Eiroás, os Troteiros de Bande, os Vellarróns de Riós e os Vergalleiros de Sarreaus.
Vídeo cedido por Monica Mura.
Ciclo “Activar a mirada, des-ordenar o pensamento”
Esta exposición “entronca con dous piares fundamentais das actividades culturais deste campus: por unha banda as mulleres e por outra a cultura e a tradición”, indicaba Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense. Sobre a instalación subliñou o feito de que os sons das campás que recolle “son sons rítmicos que moven algo no noso interior, no noso espírito, porque están entroncados co noso ADN máis enxebre”.
Sara Donoso, comisaria da mostra e da Sala Alterarte, explicou que a exposición é a segunda do ciclo “Activar a mirada, des-ordenar o pensamento”, que se desenvolve este curso académico no espazo expositivo do campus baixo a súa dirección. Sobre a artista convidada, a comisaria salientou dela que “se interesa por investigar o seu contexto social, político, cultural e sobre todo a cuestión de xénero”. En Ser son, indicou, “o que fai é unha especie de homenaxe ao Entroido de Ourense partindo do uso das campás nos traxes tradicionais”. A instalación confórmase así por 18 cordas que sostén cada unha delas un xogo de campás empregado noutros tantos entroidos ourensáns e que conflúen nun cinto central.
Estas campás foron proporcionadas por diferentes asociacións de cada un dos entroidos, agradecendo tanto a comisaria como a artista esta colaboración. Destas campás, Sara Donoso destacou que son empregadas por grupos mixtos de persoas, tanto por homes como por mulleres. Da posta en escena de “Ser son”, a comisaria tamén subliñou que pon de relevo “a importancia do corpo” xa que cando se olla o cinto baleiro “fálanos da ausencia do corpo e tamén do corpo como detonante, como facedor de sons, de movementos e tradicións”. Alén da súa materialización final, Sara Donoso subliñou a investigación que sustenta a mostra e da que destacou que “pon en diálogo a Galicia, ao Entroido e a súa cultura, pero tamén entra en diálogo con outras tradicións, como a de Sardeña, lugar de orixe da artista, onde se empregan tamén campás no Entroido”.
Imaxes: Duvi.