ConcellosÚltima hora

Montederramo prepárase para a XXVI Festa da Carne

Mañá 12 de outubro, Día do Pilar, celebrarase un multitudinario xantar en torno á carne de tenreira

Asistentes á pasada edición da Festa da Carne de Montederramo. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

O 12 de outubro é sempre un día moi especial en Montederramo. Non só por ser festivo nacional senón porque é a data elixida polo Concello para celebrar a Festa da Carne, unha das citas gastronómicas máis emblemáticas da provincia de Ourense como homenaxe á tradición gandeira do municipio, coincidindo ademais coa gran feira mensual que se celebra na localidade o día da Virxe do Pilar.

Así, mañá en torno ás 13h. abriranse as portas da carpa instalada na praza do pobo, onde os asistentes  poderán degustar a carne de tenreira nas súas diferentes expresións culinarias, ademais de pasar unha entretida xornada de festa. A tenreira ao caldeiro, richada e en empanada, estará regada cos mellores viños da Ribeira Sacra, e a eles sumaranse outros produtos da zona como a bica, o licor café ou o oruxo.

 

No xantar síervese carne ao caldeiro, richada e en empanada./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O prezo da entrada para poder degustar o menú sube este ano un euro quedando nos 18 e, ao longo da xornada tampouco faltará a música de tres charangas, entre as que sempre está Nova Terras de Trives, que manterán o baile ata ben entrada a tarde; e do grupo de gaiteiros Chimpafigos, con músicos da contorna. Tocarán xa pola mañá e tamén pola tarde animando o ambiente case ata a noite.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button