CulturaCulturaÚltima hora

“Morte accidental dun anarquista”, no Teatro Lauro Olmo do Barco este venres

Escena de “Morte accidental dun anarquista” representada por Talía Teatro./ Imaxe: Talía Teatro.

 

Un anarquista falece tras caer pola ventá dunha comisaría na que está sendo interrogado pola policía en Milán. Corre o ano 1969. Así arranca a trama de “Morte accidental dun anarquista”, unha disparatada pero reflexiva comedia que a compañía Talía representará no Barco o venres 14 de outubro a partir das 21h.

Esta obra, que poderá verse no Teatro Lauro Olmo, é unha adaptación do texto de Darío Fo realizada por Cándido Pazó, que é ademais o seu director. “Seguramente esta afirmación non sería moito do seu agrado, pero a día de hoxe podemos considerar que Darío Fo é xa un clásico teatral dos últimos tempos. Por iso quixemos unirnos á inmensa nómina de compañías que montaron, montan e montarán as súas pezas, e entre elas, madía leva, a máis emblemática de todas. Os clásicos é o que teñen, que as súas portas están sempre abertas a novas visitas: dos creadores e do público. Porque, por desgraza, cincuenta anos despois de ser escrito, este sainete político, esta disparatada pero reflexiva comedia, segue aportando sons que, dun xeito máis ou menos directo ou metafórico, reverberan aínda nos muros da actualidade”, aseguran dende Talía Teatro.

O elenco desta sátira implacable está formado por Toño Casais, Dani Trillo, Xurxo Barcala, Rubén Prieto, Artur Trillo, Diego Rey e Marta Ríos.

 

Artigos relacionados

Back to top button