EconomíaEconomíaEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Mostra de gando vacún, exhibición de arrastre de pedra e degustación de carne nunha exitosa Feira do Gando en Porto (Zamora)

 

Cun gran afluencia de público, da zona e tamén de comarcas limítrofes como Valdeorras ou Viana do Bolo (había xente dos concellos da Veiga, de Viana, da Mezquita, do Barco,…) se desenvolvía na localidade zamorana de Porto, a Gran Feira Tradicional de Gando Autóctono Alistana-Sanabresa.

 

 

Na mañá deste luns 26 de agosto, a feira abría as portas en torno ás 11 horas co corte de cinta a cargo do alcalde de Porto Francisco Blanco e as autoridades presentes, entre elas varios membros das forzas de seguridade do Estado que contaba na feira cunha oficina móbil de Atención ao Cidadán. A partir de aí sucedíanse as actividades da mostra como unha interesante exhibición de arrastre de pedra a cargo de dúas parellas de Alistana-Sanabresa chegadas dende Cantabria ou o concurso morfolóxico nacional (sementais, reprodutoras, xatos, xatas e tenreiros) coa posterior entrega de galardóns. Tal como explica o rexedor, actualmente son tres os gandeiros locais “aínda que hai unha ducia de foráneos que arrendan e pastan a serra dando moito valor á economía local”.

 

 

Coma sempre a feira inclúe a degustación de carne e un sinfín de postos no mercadiño instalado polas rúas da localidade entre as que non falta a do polbo e todo tipo de apeiros.

 

 

O primeiro anuncio sobre a feira saía publicado o 10 de xullo de 1917 con Feliciano Castaño como alcalde, aínda que o 11 de xullo de 1915 “xa se aprobara por unanimidade da entón Corporación presidida por Juan Miguel Granja, establecer esta feira”, asegura o actual rexedor, destacando que hoxe en día, estas feiras son tamén un gran mercado que congrega a numerosas persoas, da comarca de Sanabria, de Galicia e tamén de Portugal.

 

O alcalde de Porto, Francisco Blanco.

 

Fotos e vídeos: O SIL.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button