ConcellosO BarcoÚltima hora

Motivos “totalmente alleos á banda” impiden a Sr. Jingles actuar no concerto de Los Secretos no Barco

O retraso nas probas de son deixaban sen tempo para actuar ao grupo local que nada tivo que ver coa decisión da produtora

Sr. Jingles./ Foto: Facebook da banda.

 

Sorpresa, incomprensión, dúbidas e finalmente indignación. A do 16 de setembro debería ter sido unha gran noite para o músico barquense Ramiro Núñez e a súa banda, Sr. Jingles, pero foi todo o contrario. Ían ser os teloneiros de Los Secretos, no gran concerto do 50 aniversario do CD Barco pero “problemas totalmente alleos á banda” impediron que actuaran.

“Vou lembrar esta noite toda a miña vida, por tanta incompetencia e falta de previsión”, asegura Ramiro. El mesmo explica que a produción atrasaba a montaxe do escenario e as posteriores probas de son máis de catro horas. “Debido ás condicións do terreo e á nula previsión da produtora o escenario foi recolocado o mellor posible, chegando incluso a retirar o valado que delimitaba o recinto”, di.

O equipo técnico de Los Secretos traballaba contrarreloxo para poder dar un concerto in extremis e o grupo musical Sr. Jingles esperaba xunto aos seus cinco compoñentes “desde as cinco da tarde” para ser chamado ao escenario e realizar a proba de son e montaxe que estaba prevista sobre as 18:30h. “algo que nunca chegaría a suceder”, lamenta o músico.

Non sería ata pasadas as 21h. cando finalmente a banda barquense subía ao escenario os seus instrumentos mentres o equipo de Los Secretos seguía traballando sen descanso. Entre medias “a produtora informábanos dun recorte no tempo da actuación”, seguidamente eran informados de que tocarían despois de Los Secretos e “por terceira vez e xa definitivamente de que non poderiamos facelo debido aos prazos de tempo imposibles de executar entre Los Secretos e Sofía Cristo”, motivo polo cal “ordenaron baixar todo o equipo de Sr. Jingles a escasos minutos do gran concerto”, pasadas xa as 23:30h.

“A escusa da produtora anunciada a través de megafonía foi explicada aos asistentes como a retirada voluntaria da banda dicindo de forma literal “non aguantaron e fóronse”, palabras que nada tiveron que ver coa realidade dos acontecementos, polo que desde Sr. Jingles queremos mostrar o noso agradecemento ás persoas que se desprazaron ata o lugar e o noso descontento por non poder levar a cabo o concerto xunto a los Secretos”, di Ramiro, desvinculando de todos estes acontecementos ao resto de artistas e por suposto ao CD Barco.

Quen desexe escoitar a Sr. Jingles en directo poderá facelo o vindeiro día 22 en Godomar no SeaSon Fest onde actuarán xunto a bandas como Triángulo de Amor Bizarro, Xoel López ou Iván Ferreiro.

 

Artigos relacionados

Back to top button