Cunha notable participación e cunha boa “colleita” de cogomelos desenvolvíanse o 3 de novembro as oitavas Xornadas Micolóxicas na Fábrica da Luz en Parada de Sil. Cubríase o total de prazas desta actividade e unhas 30 persoas desfrutaban dun programa que incluía sesións divulgativas, saídas ao monte para buscar cogomelos e tamén un apartado gastronómico.
Os asistentes aprendían a identificar as especies de cogomelos máis comúns e descubrían usos alternativos para estes fungos: usos nutracéuticos, fabricación de coiros veganos e tintas ecolóxicas. O programa das xornadas iniciábase arredor das dez precisamente con esas sesións formativas.
Ás 11h. estaba prvevista sesión para saber identificar os cogomelos máis comúns da zona e ás 12:30h. saíase na procura destes froitos do bosque. Foron numerosos os fungos recollidos e, entre eles, había unha sorpresa: un denominado bioindicador: o Hygrocybe conica, que segundo a organización das xornadas “é exclusivo de lugares non contaminados”.

Despois tiña lugar un xantar micolóxico, tras o cal procedíase á clasificación das especies recollidas no monte. Esta actividade ten sido organizada pola Fábrica da Luz en colaboración co Concello de Parada de Sil.
Fotos cedidas.