En portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Multitudinaria romaría de San Francisco Blanco en Outarelo (O Barco)

 

Facía tempo que non se vía tanta xente na romaría de San Francisco Blanco, en Outarelo (O  Barco de Valdeorras). O ano pasado xa se celebraba aínda que coas medidas sanitarias impostas polas autoridades para frear a pandemia, e non era ata este ano cando se recuperaba en todo o seu esplendor, e non só pola asistencia de numerosos devotos do santo avogado dos males de cabeza, chegados dende diferentes puntos da comarca, senón polo soleado día que amencía malia o frío, neste sábado 4 de febreiro.

 

 

Presidido polo párroco do Barco, Jesús Álvarez, o programa comezaba coma sempre días antes (o 1 de xaneiro) co triduo, e xa na mañá deste sábado, despois das dúas misas anteriores (ás 10:30 e ás 11:30h.), ás 12:30h. comezaba á procesión coa imaxe e a reliquia do santo, co acompañamento musical do grupo de gaitas Celtas Largos.

 

Trala procesión tiña lugar a misa maior oficiada polo párroco. Presidindo o altar, coma sempre, a reliquia de San Francisco (mártir nado no Tameirón, A Gudiña, e crucificado en Xapón), que os fieis tocaron e bicaron ao rematar os cultos.

 

 

Entre os asistentes, incondicionais grupos de amigos, entre eles os membros da Confraría de San Francisco que non faltan á cita e Enrique Rodríguez Sotelo “Fiscol”, que ía a pé dende Fontei (A Rúa) xunto a un amigo, tras unha camiñata de tres horas. Moitos deles aproveitan o día para compartir unha tapiña de polbo á feira ou churrasco na praza do pobo. Tampouco faltaron as tradicionais roscas e nesta ocasión un veciño de Outarelo convidou aos asistentes a un viño e un aperitivo.

 

 

O programa pecharase mañá coa misa na honra a San Antonio ás 13:15 horas.

 

 

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button