
Será un dobre espectáculo adicado á narración oral o 17 de xullo ás 22:30h. nos xardíns da Casa Grande de Viloira e que contará con tres protagonistas. Así o actor, músico e escritor barquense Paco Campos presentará, acompañado polo tamén músico Xosé Taboada, o seu audio-libro “O fillo de Maciste” (Ed. Galibook, A Coruña, 2013).
Trátase da segunda ocasión na que este creador achegará ao público valdeorrés este traballo, logo dunha primeira presentación que tiña lugar a finais do pasado ano no edificio multiusos do Barco. Nel reúne unha escolma de relatos que teñen como protagonista principal o que el denomina o Val de Iorres (Valdeorras). Neste espectáculo Campos entrelaza a recreación oral desas historias, coas que percorre a historia da zona xa dende época romana, coa música en directo.
De seguido, poderá verse a peza “Tradición 2.0” de César Cambeiro, tamén unha narración oral que xira en torno a dúas lendas tradicionais: “A ponte do porco”, que conta as aventuras e amores entre Roxín Roxal e Tareixa, e a de “Roldán e as tres costureiras de Puxares”, que remite a feitos lendarios acontecidos na comarca valdeorresa.
Ambos espectáculos forman parte do Festival “De Perto-Espazos de Cultura no Barco”, que promove a Consellería de Cultura barquense.
Texto e foto: Ángeles Rodríguez
(Máis información na edición en papel do Periódico O Sil).