A música abría e pechaba a “Festa das Letras” que se desenvolvía a partires das sete e media da tarde do 17 de maio na praza Maior do Barco. Catro grupos combinaban as súas actuacións coa lectura de diversos textos (tanto poesía como prosa) en galego, que corría a cargo de membros do grupo valdeorrés Gargallada Teatro.
Así o espectáculo, promovido dende a Concellería de Cultura do Barco, compoñíase de sete partes. Comezaba co son das pandereteiras da agrupación ruesa Abertal. De seguido, subían ao escenario Gabriel Prada e Sol Iglesias, que poñían voz a anacos de obras de Álvaro Cunqueiro ou Begoña Caamaño, entre outros autores.
Tras eles, podía escoitarse á formación de música tradicional da Escola de Música do Barco, que interpretaba a peza tradicional “Pasodobre de San Roque” e a alborada “A noite do Santo Cristo” (Hixinio Cambeses). Calaban os instrumentos e soaba de novo a voz para escoitar “O do casco” (da obra “Animaliños” de Roberto Vidal Bolaño) ou a declaración do Cibrán, incluída na novela “A Esmorga” de Eduardo Blanco Amor. A súa lectura facíana Manuel Caramés e Manuel González.
De novo intercalábase a música, desta volta co cantautor Sito, que tocaba temas de Rosalía de Castro e tamén de Suso Vaamonde. As lecturas literarias desta festa barquense das letras completábanse con Noemí Pinto e Fran Fernández, con textos como “Os lobos” de Ánxel Fole ou “A lingua das bolboretas” de Manuel Rivas. E o broche musical poñíase co grupo folk Tornaxeira.
Os actos das Letras Galegas, que se espallaban por difetentes lugares da provincia de Ourense e de Galicia, continuarán hoxe no Barco coa colocación do tendal de camisetas con palabras en galego que forma parte da campaña “Pon de moda o galego!!!”, promovido polo Barco Centro Comercial Aberto en colaboración cos centros de educación públicos deste concello e do CeIP de Rubiá.
Texto e fotos: Ángeles Rodríguez.
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.