ConcellosEn portadaGalerías de fotosO BarcoÚltima horaVídeos

Música e manifestos para conmemorar o Día contra a Violencia de Xénero no Barco

 

A praza do Concello do Barco acollía a partir das 12h. deste 25 de novembro o acto central do Día Internacional contra a Violencia de Xénero na vila. O concelleiro de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade do Barco, Orlando Saavedra, abría o acto anunciando o acendido dunha serie de faroliños de cor violeta e gardando un minuto de silencio. Deseguido, daba a palabra aos representantes dos centros de ensino do concello, que procedían a ler os seus manifestos: Antela polo IES Martaguisela, Patricia e Ainara polo Colexio Divina Pastora e un mozo por parte do IES Lauro Olmo.

Logo soaban dous temas interpretados por alumnado do Conservatorio do Barco: “Imagine” e “Aleluya”. O acto concluía coa lectura do manifesto elaborado con motivo do 25-N, e consensuado por todos os grupos políticos que integran a Corporación Municipal do Barco: PSdeG-PSOE, PP, BNG e Riada Cidadá. Poñíalle voz a concelleira de Medio Ambiente, Diana Urdangaray.

“O Concello do Barco quere recoñecer a quen cada día dedican a súa vontade, o seu compromiso, a súa profesionalidade e a súa acción nesta loita pola liberdade e a seguridade para todas as mulleres en cada recuncho do mundo. Un ano máis os Grupos Políticos con representación no Concello do Barco queren amosar o más firme compromiso de non deixar de traballar ata erradicar a violencia machista e facer que a nosa sociedade sexa segura e digna para as mulleres”.

 

 

Ademais, o manifesto apuntaba que “debemos traballar para alcanzar un obxectivo claro: a violencia cero. profundando nunha acción lexislativa clara e no impulso de políticas públicas decididas, así como nunha acción política coordinada con todas as administración públicas para acabar coa peor expresión do machismo. Abordar a violencia machista en toda a súa crueza esixe ser esixentes e poñer todos os nosos esforzos en protexer ás vítimas e en seguir ampliando dereitos da cidadanía que redunden na liberdade das mulleres. Deste xeito seguiremos colaborando coas asociacións da sociedade civil que loiten contra a violencia machista e traballen pola igualdade de homes e mulleres”.

E concluía resaltando que “non é posible unha sociedade democrática sen a liberdade e a igualdade das mulleres. En defensa da igualdade, a liberdade e a seguridade das mulleres: sempre contra a violencia machista”.

Fotos: A.R.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button