OurenseÚltima hora

A música máis as flores e a berbena, é a fórmula das Festas de Ourense 2017

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, presentaron hoxe a programación dos festexos da cidade
Belén Iglesias e Jesús Vázquez.

A música e as flores serán os dous ingredientes principais das Festas de Ourense 2017. Así o presentaron hoxe, 20 de xuño, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, a só catro días de que comecen os festexos.

Ambos os dous debullaron polo miúdo o programa destas festas atravesadas pola música, que empezará a soar logo do mediodía cos grupos de animación de rúa e seguirán con citas e escenarios: “ás 20:30 horas na Praza San Martiño, ás 21:00 horas na Praza de Ferro, ás 22:30 horas na Praza Maior”, indicou o alcalde de Ourense. Que lembrou que na Praza Maior hai aforo limitado “até 3.500 persoas por motivos de seguridade”. Asemade, pasada a media noite, haberá verbenas na rúa do progreso, á altura da Alameda.

Pero a música seguirá soando no Street Food, durante todas as festas na praza de Bispo Cesáreo e no III Enofestival na traseira das Burgas. Xa na presentación do cartel musical, tanto o edil principal como a Concelleira, Belén Iglesias, resaltaron que “haberá música para todas as sensibilidades e idades” coma no Espazo Bebés, un lugar de experimentación e xogo libre a cargo da compañía Picapau que estará emprazado nos Xardíns do Padre Feijóo, e que terá un aforo limitado de 80 rapaces con idades comprendidas entre os 0 e os 8 anos.

O teatro de rúa estará localizado na Alameda, pero tamén haberá actividades escénicas na Sala Valente, e o espazo da Música e a Poesía será a Praza de San Martiño.

Os ourensáns poderán visitar o Museo Municipal coa exposición “Tempo”, de Isabell Seidel, e os espazos expositivos de Arturo Baltar, o Claustro, e o Auditorio, no que tamén se poderá gozar do teatro. “Transformaremos o casco histórico, un ano máis, nun centro medieval co mercado, e non faltará a pirotecnia a cargo da empresa local Josman nas marxes do río Miño”, dixo Vázquez Abad.

Batalla de flores

A Batalla de Flores quere recuperar este ano o espírito tradicional e, como novidade, modificará o seu percorrido: “Sairá da parte baixa da Alameda cara ao progreso e realizará un percorrido circular dando volta en Alférez Provisional”, explicou a concelleira Belén Iglesias. Recupérase así a esencia da Batalla das flores, que era unha das actividades máis queridas das festas do Corpus.

Finalmente, o alcalde fixo un chamamento ao “sentido común, paciencia, pois estamos en festas e as festas son días de celebración e que utilicemos itinerarios que non discorran polo centro cidade sempre que sexa posible, ou alternativas coma o transporte urbano, que tamén estará debidamente sinalizado nos tramos que se vexan afectados pola celebración das festas”.

Artigos relacionados

Back to top button