EconomíaEconomíaÚltima hora

Na procura de solucións para axilizar o proceso de concesións de licenzas urbanísticas

Exterior da oficina de AEVA no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) vén de recibir resposta da carta que lle remitía hai uns días ao Consello Galego de Aparelladores e Arquitectos Técnicos trasladándolle o apoio desta organización ás medidas que emprendan para tratar de axilizar o proceso de concesión de licenzas urbanísticas.

Así na súa resposta este consello indica que non “non é comprensible que o tempo de concesión dunha licenza urbanística municipal tarde entre 18 e vinte meses, habendo algunhas ocasións nas que ese prazo excédese moito máis no tempo”.

Ademais indican que ao “tratarse dun asunto que afecta ao futuro económico de Galicia e que implica a múltiples actores, o Consello Gallego traballa na procura de solucións, trasladando esta preocupación, ademais de á Consellería de Ambiente, Infraestruturas e Vivenda e ao director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Así mesmo dende o Consello Galego de Aparelladores e Arquitectos Técnicos consideran que “o visado colexial podería ser unha ferramenta efectiva que asegurase o control da legalidade e acelerase o proceso de concesión de licenzas, e propoñen que os concellos galegos destinen parte dos seus ingresos a reforzar os seus equipos de persoal técnico, para así poder reducir uns prazos que hoxe son inasumibles”. Esta entidade tamén indica que estudarán posibles cambios lexislativos.

Finalmente o presidente deste consello sinala que seguirá en contacto con AEVA para mantela ao tanto de todas as xestións e para buscar vías de colaboración.

Artigos relacionados

Back to top button