
Comeza unha nova fase de escavación no xacemento arqueolóxico de Proendos, en Sober, onde a finais do pasado ano se consolidou o primeiro hórreo romano con disposición dos muros en paralelo que se coñece no noroeste da Península Ibérica. Os traballos contan cun investimento de 17.800 euros, segundo informa a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Nesta ocasión, os profesionais da empresa Tempos Arqueólogos SL centraranse durante dez días na escavación dunha área duns 50-60 m2 preto do horreum, para poder exhumar os posibles restos da vila romana detectada na prospección xeofísica realizada no ano 2023.
A prospección con xeorradar cubriu unha superficie aproximada de 15.000 m2 ao redor do horreum e tivo resultados moi positivos ao localizarse na maioría das zonas prospectadas restos arqueolóxicos, destacando unha gran estrutura rectangular con estancias asociadas a un patio, que podería tratarse dun perístilo ou espazo residencial dunha vila romana (complexo agrario desde onde se administrarían as terras da contorna e se almacenaría a produción do campo).
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude investiu preto de 130.000 € no xacemento romano de Proendos desde o ano 2020, a través de 6 campañas arqueolóxicas.