SanidadeÚltima hora

Na provincia diagnostícanse arredor de mil novos casos de cancro de pel ao ano

Dende o Servizo de Dermatoloxía da área sanitaria ourensá lémbrase a importancia da prevención e do diagnóstico precoz no Día Europeo da Prevención de Cancro de Pel

 

O diagnóstico precoz e a prevención son claves na loita contra o cancro de pel. Así se destaca dende o Servizo de Dermatoloxía da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras con motivo da celebración do Día Europeo da Prevención do Cancro de Pel, o 13 de xuño.

No aspecto preventivo chámase a atención sobre a exposición ao sol, especialmente este ano, no que o confinamento limitou a exposicion gradual e adaptación da pel, aumentando con elo o risco de queimaduras.

Anualmente en Ourense diagnostícanse arredor de mil novos casos de cancro pel, en concreto 967 en 2019. “Deles, os máis numerosos son os carcinomas de células escamosas e os basocelulares, que supoñen o 95,4% deste tipo de tumores e son mais frecuentes na poboación de idade avanzada, polo que aumentan de ano ano en paralelo ao envellecemento da poboación. Mostra delo, en Ourense incrementáronse, respectivamente, un 18 e un 20%, con respecto a 2018”, , segundo a Consellería de Sanidade.

Cun prognóstico máis grave, pero afortunadamente menos habituais, no grupo de tumores de pel tamén se encadran o Melanoma e o Tumor de Merkel. Este último menos coñecido e moi pouco habitual, detectándose 2 casos o pasado ano, fronte aos 42 de melanoma.

“Todos eles, teñen algo en común, o seu principal factor de risco é a exposición ao sol, máis concretamente á radiación ultravioleta”, por elo, o xefe do Servizo de Dermatoloxía, José Álvarez López, é rotundo. “A principal medida de prevención é evitar a exposición ao sol” algo difícil de cumprir na vida diaria, sobre todo nesta época do ano, por elo recomenda empregar sempre crema solar co máximo factor de protección (SPF 50, tamén coñecido como pantalla total) e facelo de xeito moi gradual para facilitar que a pel se adapte, evitando as horas no que o sol está mais vertical, entre as dúas e as catro da tarde.

Álvarez López menciona tamén a importancia da autovixilancia, para acudir ao especialista de Atención Primaria ante calquera cambio significativo na pel, principalmente ante dous signos de alerta: a aparición dunha nova lesión avultada da pel e ante o crecemento, ou detección dunha nova mancha, tipo lunar, especialmente, cando se observan bordes irregulares e aumento de tamaño. Con elo, poderá realizarse un diagnóstico precoz, directamente desde o Centro de Saúde ou iniciar unha vía rápida ante unha sospeita de melanoma.

O perigo das queimaduras solares

A protección da pel, evitando a exposición ao sol, especialmente na infancia e adolescencia, é clave nos primeiro vinte anos de vida para evitar as queimaduras solares, directamente relacionadas coa aparición de tumores de pel en anos posteriores. De feito, os riscos de desenvolver melanoma duplícanse naquelas persoas con cinco ou mais queimaduras solares ao longo da súa vida. Lamentablemente, a maioría descoñece ou réstalle importancia a este risco a longo prazo.

Precisamente pola exposición prolongada e intensa ao sol, case sempre sen protección, en Ourense, os carcinomas basocelulares e de células escamosas son moito mais frecuentes entre persoas que traballaron ao ar libre, no campo ou na construción (combinado coa pel clara, a máis habitual en Galicia) xa que ambos tipos de tumores relaciónanse directamente coa acumulación durante anos de radiación ultravioleta. De feito, a súa aparición é mais frecuente nas zonas mais expostas ao sol, como a cara ou pescozo.

Igualmente, distintos estudos relacionan o melanoma con episodios de rápida e intensa exposición ao sol, con queimaduras graves, como cando aparecen bochas. Outros factores de risco, son os antecedentes familiares, o tipo de pel ou ter gran número de lunares grandes no corpo. Velaí a importancia de cambiar os hábitos de exposición incontrolada, reducindo así un factor de risco que se pode modificar.

Artigos relacionados

Back to top button