A GudiñaA RúaConcellosÚltima hora

Na próxima semana iniciaranse labores de roza e limpeza na OU-533 (A Rúa-A Gudiña)

 

A vindeira semana está previsto que se inicien os traballos de roza e limpeza na estrada de titularidade autonómica OU-533 que comunica os concellos ourensáns da Gudiña e A Rúa. Ao tempo continuaranse as tarefas que nas últimas semanas se están a realizar nas distintas vías das catro provincias.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, vén realizando nos últimos meses este acondicionamento nas franxas de dominio público de vías autonómicas para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

No marco destas actuacións, continuarán os labores iniciados a pasada semana, tanto na estrada da provincia de Ourense OU-114, en Caldeliñas e Campo Becerros; como na vía de titularidade autonómica LU-530, en Lugo e Castroverde, segundo a consellería.

En canto ás actuacións nas estradas de titularidade autonómica da provincia da Coruña, proseguirán os traballos de limpeza e roza na VAP VG.-1.2, entre Ares e Mugardos.

Nas estradas autonómicas da provincia de Pontevedra seguirán tamén os labores de limpeza das marxes na vía de altas prestacións: CG-4.2, entre Tomiño e A Guarda, así como na VG.-4.3, entre Cambados e Vilagarcía.

As tarefas que se veñen realizando céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, coa fin de previr incendios forestais.

Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas autonómicas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario. Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas.

Segundo Infraestruturas, as intervencións buscan “potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil”.

Artigos relacionados

Back to top button