En portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

“Na Rúa somos moito de festa e tamén sabemos presumir de bos viños”

O pregón do rues Xosé Manuel Merelles abría a VIII edición da Baco Festa, no Aguillón

 

Recuperando unha orixinal idea que fora esmorecendo co paso dos anos, o encontro entre as corporacións e veciños dos concellos da Rúa e Petín, sobre a Ponte da Cigarrosa (de orixe romana), marcaba o inicio da VIII edición da Baco Festa, unha iniciativa que persegue por riba de todo exaltar os viños locais.

Un encontro sobre o río Sil que une ambos concellos, acompañado nesta ocasión por unha representación da asociación de recreación histórica romana LVDVS BERGIDVM FLAVIVM (Cacabelos) e polo son dos bombos do Folión Os Arrieiros, que tras o saúdo entre as alcaldesas María G. Albert e Raquel Bautista, continuaba cun paseo ata o recinto feiral, no Aguillón.

 

Encontro na Ponte da Cigarrosa.

 

Alí, dende hoxe e ata o domingo (a partir das 20:15 horas) permanecerán os postos dunha ducia de adegas (A Coroa, Alán de Val, Joaquín Rebolledo, Melillas e Fillos, Quinta da Peza, Sampayolo, Cooperativa Virxe das Viñas, Roandi, D’Berna e José Luis Aristegui), de comida e artesanía que conforman esta edición da festa na honra ao deus do viño.

A inauguración oficial tiña lugar na  tarde deste venres 11 de agosto coa pregón a cargo de Xosé Manuel Merelles, un rues de pro que viviu na vila ata os 25 e anos e que “desde que está fóra busca mil motivos para voltar a ela”, e que actualmente dirixe a Axencia Turismo de Galicia.

 

O pregoeiro Xosé Manuel Merelles.

 

Era o concelleiro membro do equipo de Goberno local Luis F. Gudiña, o encargado de dar a benvida aos asistentes e presentar ao pregoeiro que non só fixo un repaso polas beldades da súa benquerida Rúa e dos seus viños, senón da propia festa. “Quizás fósen aqueles Cigurros, veciños de Lucio Pompeio Reburro Fabro e residentes na contorna de Foro, a Mansion da Via Romana XVIII e da vila romana da Cigarrosa, os primeiros en decatarse das grandes posibilidades que ofrece o noso val para plantar vides e poder elaborar, -dous mil anos despois-, uns dos mellores viños do mundo… Pode que a historia vitivinícola da Rúa comezase aí e tamén pode que non pero, en todo caso, a Bacofesta está máis que xustificada porque na Rúa somos moito de festa e tamén sabemos presumir de bos viños”, dixo.

No seu discurso, seguido atentamente polos asistemtes, Merelles tamén fixo referencia ao sentir de todo rues cando está fóra, “un sorbiño de godello basta para que apareza a saudade que s nos traslada aquí, aínda que esteamos a centos ou milleiros de quilómetros de distancia. Eu ás veces trasládome a este mesmo lugar no que estamos agora, un espazo antes inzado de chopos no que pasaban cousas extraordinaries, ideal para as aventuras e tamén para pasar as tardes de xullo e agosto ao acubillo das sombras das árbores”, contou, facendo un percorrido por algún dos seus lugares favoritos “o Barranco Rubio, a Fonte de Trabe, os montes de Roblido e San Xulián, A Reza, A Penela,…”.

 

 

Lembrando as festas, os seus momentos de xuventude, a amizade-irmandade entre A Rúa e Petín e mesmo aos que non están Xosé Manuel Merelles remataba o pregón asegurando que “o viño da Rúa ten ese estrano poder de nos trasportar aquí que esteamos lonxe”.

Tamén presente no acto no delegada especial en Valdeorras da Deputación de Ourense, a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras Mª Carmen González asegurou estar encantada de estar na Baco Festa e de ter preto ao director da Axencia Turismo de Galicia “co que falarei longo e tendido”, destacando que como comarca “o viño e a pizarra son a gran riqueza desta terra”.

 

 

O acto pechábao a alcaldesa da Rúa, María G. Albert, lembrando as orixes da Baco Festa como un evento propio de exaltación dos viños da vila que de non ser pola pandemia celebraría xa o décimo aniversario, convidando á xente a achegarse e a desfrutar da festa”.

Pola noite subirase ao escenario que este ano está dentro do recinto, a banda Cherry&Ladies.

 

 

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

Máis fotos no seguinte enlace: https://osil.info/a-xornada-inaugural-da-viii-baco-festa-da-rua-en-imaxes/

Artigos relacionados

Back to top button