CulturaCulturaÚltima hora

Nace a Federación de Asociacións da Ribeira Sacra

O seu obxectivo é "ser a voz dos habitantes do territorio da Ribeira Sacra"

 

O castelo de Castro Caldelas convertíase o 11 de xuño en escenario da constitución da Federación de Asociacións da Ribeira Sacra. Máis de 50 entidades veciñais, culturais, comunidades de montes e outros colectivos decidiron por unanimidade unirse na federación, tal e como informan os seus promotores. Co propósito de “ser a voz dos habitantes do territorio da Ribeira Sacra”, a Federación propúxose levar a voz e opinión aos espazos de decisión que lles afectan. Entre eles están a mesa da Reserva da Biosfera, Rede Natura, a Candidatura da Ribeira Sacra á UNESCO, Consorcio de Turismo de Ribeira SAcra ou os GDR.

Entre os documentos aprobados está unha declaración pública de principios que se resumen en cinco puntos: patrimonio (in)material-lingua, territorio-paisaxe, participación, benestar-igualdade e un rural vivo. Estas liñas básicas, que se desenvolverán en mesas de traballo co fin de nutrir de iniciatvas á Federación, presentáronse como os puntos básicos que unan ao tecido organizado na Ribeira Sacra. Os promotores cren que se sumarán máis colectivos, que hai outro medio cento de asociacións pendentes de ratificar a súa participación logo de levar ás súas respectivas asembleas a proposta.

A Federación cre así que a Administración está obrigada a escoitalos porque “xa non se trata dun colectivo individual dun concello concreto; aquí traemos a voz e a representación de numerosos colectivos con actividades e iniciaticas coas cales contribuír a unha mellora da vida no territorio”. Ademais, agardan que a Administración entenda a necesidade de que o pobo participe e opine sobre diversas cuestións que condicionan e condicionarán a súa vida. Poñen o exemplo da compatibilidade da lexislación emanada dos recoñecementos naturais e da posible da UNESCO coa actividade tradicional nas ribeiras, na xestión no monte ou no sector primario.

A nova directiva escollida por unanimidade, intégrana a presidenta Natalia Figueiras (Salvemos Rochas, do concello de Esgos), o vicepresidente Alfonso Campos (da asocaición Proencia, de Sober), o secretario Lucas Vázquez (de Segredos de Pantón), o tesoureiro Xurxo Martínez González (da Asociación de Veciños/as de Vilachá de Salvadur, A Pobra do Brollón), e os vogais Anton Fente (Chantada), Alexandre Varela (Taboada), José (Castro Caldelas) e Lorena Álvarez (Pantón).

Finalmente, a Federación quere comezar a preparar un calendario de accións para a volta do verán e responder así ás expectativas creadas en numerosas parroquias da RIbeira Sacra. “Queremos interconectar ao movemento de base, coñecernos e compartir experiencias que sexan aproveitables para outras parroquias. Hai moitos traballos que son un exemplo. Queremos dalos a coñecer e potenciar este movemento cidadá na liña dos fins aprobados en Castro Caldelas”.

Imaxes cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button