
Do “pensamento, a análise, o estudo e a necesidade de achegar a esta inmellorable comarca, un deporte xa coñecido mundialmente como é o pádel”, en palabras dos fundadores, nace o novo proxecto deportivo Pádel Club Valdeorras.
Nun principio o horario de apertura será de 10 a 14 e de 16 a 23:30 de luns a domingo, sendo as 10 da noite a última hora na que se podería reservar unha pista, “un horario moi extenso adaptándose ás necesidades e peculiaridades de todos os públicos”, din dende o club.

Con respecto á instalación, ubicada no Polígono A Raña (O Barco de Valdeorras), está dotada de catro pistas, tres delas panorámicas, contando tamén con cafetería “cunha barra ampla e unha zona de mesas nas que poderedes estar a gozar da visualización dos partidos xa que a visilidade é excelente mentres vos tomades o que máis vos apeteza”, puntualizan. Completan as instalacións dous vestiarios con duchas, un feminino e outro masculino, sen esquecer ás persoas con discapacidade cun servizo adaptado e dúas ramplas na esplanada principal que facilitan o acceso para cadeiras de rodas ou outras axudas técnicas ou mecánicas que porten ditas persoas. A nivel de material, no club dispoñen dun “stock de produtos” de pádel situados na parede anexa á cafetería.
E con respecto aos servizos que ofrece, os usuarios de Pádel Club Valdeorras poderán solicitar as súas clases particulares. “Sempre buscaremos a maneira de adaptarnos ao usuario/a e poder abarcar todas as peticións. Impartiranse clases particulares en todos os niveis e idades, desde iniciación a perfeccionamento. A idade non é un impedimento para practicar este deporte”, convidan ilusionados dende o club.
Fotos: Facebook Pádel Club Valdeorras.