En portadaÚltima hora

Nace Saluscastanea, con participación galega, para promover a sanidade forestal do castiñeiro

Pretende abordar a problemática da regresión desta especie “pola falta de control na expansión de enfermidades como a tinta ou o chancro”, así como novas ameazas como a avespiña ou a seca

Quere poñer o foco no castiñeiro como especie forestal, pero tamén produtora de froitos, cuxo desenvolvemento é estratéxico na vida rural das áreas onde medra ou se cultiva. Saluscastanea é un grupo operativo de carácter estatal, con presenza galega, que se vén de poñer en marcha co fin de “preservar e recuperar o hábitat do castiñeiro mediante a aplicación de técnicas innovadoras para o control de pragas e enfermidades, utilizando a xestión como ferramenta de conservación”. Nel tamén se toma en consideración “a importancia da actividade económica desenvolvida en torno ao castiñeiro como un verdadeiro axente xerador de recursos no medio rural no que se asentan as masas desta especie”, explican dende esta nova entidade.

O proxecto de Saluscastanea saía adiante tras lograr unha axuda do Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA) para grupos operativos nacionais. Nesta iniciativa participan sete entidades en representación de varias zonas españolas con produción de castiñeiro: a empresa Alibós Galicia e a Asociación de Produtores e Exportadores de Produtos Agrosilvestres de Galicia (PROAGROSILGA), a Confederación de Organizaciones de Selvicultores de España (COSE); o Centro de Servizos e Promoción Forestal e da súa Industria de Castela e León (Cesefor); a sociedade cooperativa andaluza ‘Castañas Valle del Genal’; a Agrupación de Cooperativas do Val do Jerte e a Asociación de produtores de castaña de Villuercas (Cáceres).

A estes representantes do sector produtor vén de unirse tamén a Universitat de Lleida; TRAGSA; o Institut de Recerca i Tecnologia Agroalimentaries de Cataluña (IRTA); o Servicio Regional de Investigación y Desarrollo Agroalimentario (SERIDA) do Principado de Asturias e a Asociación Berciana de Agricultores (ABA). “Búscase que todos os integrantes da cadea de valor, dende os agricultores/selvicultores ata os comercializadores e industriais, chegando aos consumidores, se vexan implicados e beneficiados. O grupo operativo Saluscastanea cuenta con membros representantes de todos estos axentes”, aseguran dende o grupo.

Logotipo de Saluscastanea.

A principal problemática que se pretende abordar é a da “regresión desta especie provocada pola falta de control na expansión de enfermidades como a tinta ou o chancro. Estas principales ameazas vense ademais acrecentadas por novas agresións bióticas (a avespiña) ou abióticas (a seca) e favorecidas pola actual estrutura produtiva. O sector produtivo do castiñeiro adolece de ‘innovación’ e de mecanismos de transferencia do coñecemento que poidan facilitar a adaptación ás necesidades actuais de xestión”, tal e como se adianta dende Saluscastanea.

Por outra banda o proxecto ten en consideración o hábitat actual, pero tamén a súa potencial evolución segundo as previsións climáticas dos próximos anos, de forma que as solucións propostas permitan a persistencia dos bosques de castiñeiro no vindeiro marco climático e social.

Artigos relacionados

Back to top button