
Para facer fronte á problemática do pó de sílice no sector da lousa vén de crearse unha Comisión Técnica que, por primeira vez, contará coa participación de todos os axentes do sector da lousa co obxectivo de impulsar actuacións prácticas para a mellora das condicións dos traballadores reducindo a súa exposición ao po de sílice.
A súa posta en marcha tiña lugar o 11 de setembro en Santiago. Esta nova entidade está presidida polo director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, e conta con representantes do Clúster da Lousa, das centrais sindicais maioritarias no sector, do Instituto Nacional de Silicosis e do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral.
Esta comisión supón un novo paso “na procura de iniciativas que fomenten medidas de prevención para a eliminación dos riscos mediante novas tecnoloxías, mellorando as xa existentes e introducindo cambios nos procesos produtivos”, segundo se sinala dende a Consellería de Economía.
O labor da Comisión terá un carácter eminentemente práctico, especialmente centrado na avaliación e control dos sistemas implantados para diminuír o risco derivado da exposición a este tipo de po. Ademais enmárcase nos proxectos iniciados “ao abeiro da colaboración entre o Clúster e a Consellería de Economía e Industria, que teñen permitido a elaboración de estudos e traballos técnicos encamiñados a diminuír o risco derivado da exposición ao po de sílice”, segundo a consellería.
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil