EconomíaEconomíaÚltima hora

Nadal di que o Ministerio obrigará ás eléctricas a informar das vantaxes do cambio de contrato

O ministro de Energía, Turismo y Agenda Digital, Álvaro Nadal, confirmou hoxe, 19 de abril, na súa visita a Ourense, que van facer un decreto no que obriguen ás compañías eléctricas a informar aos cidadáns das vantaxes e inconvenientes que teñen, “e os dereitos que perden os consumidores”, ante un cambio de tarifa e de contrato.

Todo isto vén tras o recente anuncio da Comisión Nacional de Enerxía (CNMC) do aumento dos contratos de libre mercado, fronte aos recentemente implantados PVPC (Prezo Voluntario ao Pequeno Consumidor). Un contrato fixado pola Administración no que se lle obriga ás eléctricas a publicar os prezos por horario e só se paga polo consumo, polo que desaparecen as poxas de electricidade.

Nadal reiterou que “o libre mercado deixa á xente escoller o tipo de contrato que quere”, aínda que defendeu este novo modelo de prezo por consumo: “eu teño o PVPC. Só ten un inconveniente, que é máis volátil, pero na media e ao longo do tempo é polo que menos se paga”, dixo.

Canon eólico

Recentemente saltaba a noticia de que o Tribunal Supremo sentenciara, por unha demanda imposta polas eléctricas, a que serán os consumidores os que paguen nos seus recibos os impostos autonómicos á enerxía. Esta sentenza data do ano 2012.

Pois ben, o imposto galego para as compañías enerxéticas é o canon que se lle impón ás eólicas, entre outros. Tras este anuncio desta sentencia cabería a posibilidade de que os galegos viran reflictido un aumento no recibo da luz segundo establece a sentenza. Todo isto tendo en conta que o ministro de Energía, Turismo y Agenda Digital, Álvaro Nadal, asegurase hoxe na súa visita a Ourense que a política do Ministerio é “acatar as sentenzas xudiciais, polo que coa información que subministraron as diferentes comunidades autónomas ao Ministerio de Facenda fíxose devandito cumprimento e, a non ser que alguén a recorra, aplicarase o ditame”.

Afortunadamente, segundo sinalan fontes da Consellería de Facenda, a Xunta de Galicia considera que os impostos medioambientais que aplica a administración galega (coma o canon eólico) non gravan as actividades ou instalacións destinadas ao subministro eléctrico. Polo tanto, en ningún caso “poden incluírse nas facturas eléctricas que pagan os consumidores galegos”. As mesmas fontes reiteran que esta postura xa se lle trasladou ao Ministerio de Facenda “en diversas ocasións, e seguirase facendo as veces que sexa necesario, porque entendemos que estes impostos gravan a actividade contaminante”. E reiteran que xa lle manifestaron “de forma expresa” a súa oposición a que estes impostos sexan incluídos nos suplementos territoriais.

De todos xeitos, cómpre destacar que a Órde Ministerial publicada en xaneiro no Boletín Oficial do Estado, na que se establecen os suplementos territoriais correspondentes ao ano 2013, só afectan ás comunidades autónomas de Cataluña, Castela-A Mancha, A Rioxa e á Comunidade Valenciana.

Ao respecto, Álvaro Nadal reiterou que a política do seu Ministerio é que “todos os españois paguen o mesmo vivan onde vivan”, aínda que asegurou que o que hai que ter en conta é que “cando as administracións autonómicas poñen un imposto territorial corren o risco de que o acaben pagando os usuarios”.

Máis información sobre a visita do Ministro a Ourense aquí .

Texto e fotos: Carlos Asensio.

 

Artigos relacionados

Back to top button