
O ‘Pont-Up Store’ celébrase desde hai nove anos no marco do Campus Crea da Universidade de Vigo e ten coma obxectivo o apoio ao emprendemento e o incremento da cultura emprendedora na sociedade. É o único evento galego onde se reúnen emprendedores, profesionais, estudantes, inversores, institucións, empresas, patrocinadores e medios de comunicación para apoiar a innovación, a colaboración, a formación, o financiamento e o emprendemento creativo.
Logo da súa nominación aos XII Premios MOCE convocados pola Fundación Ronsel e a Xunta de Galicia o mes de novembro pasado polo seu programa de crecemento persoal dirixido a mulleres rurais “Namórate da túa vida”, as socias de InCrescendo Colectivo, Laura e Elvira Fernández, foron convidadas a presentar o 23 e 24 de setembro o seu novo proxecto neste evento multisectorial que aposta por proxectos que proveñen tanto do ámbito urbano coma do rural cunha gran calidade contrastada derivada dun riguroso proceso de selección.
Matria nace da súa propia experiencia coma nai e filla e da necesidade co-crear un espazo seguro para espertar o noso talento, independentemente da nosa idade, xénero ou lugar de residencia e o ‘Pont UP Store’ foi o lugar idóneo para dar a luz a este novo soño que xa conta co apoio doutras mulleres valdeorresas e que suscitou o interese doutros participantes e visitantes que tamén soñan cun futuro na nosa terra. “No noso caso”, explica Laura Fernández, “Valdeorras ademais de ser a nosa ´matria’ coincide co inicio do Camiño de Inverno, a ruta que os peregrinos escollían coma alternativa aos cumios nevados do Cebreiro nun auténtico acto de humildade e comuñón coa natureza.
O obxectivo do programa é converter a Valdeorras nun referente da coraxe e xenerosidade das mulleres rurais a través dun movemento nas redes sociais que convida ás familias a tomar consciencia de que todas precisamos un tempo e un espazo para conectar coa nosa sabiduría interior e xestar os nosos soños. En definitiva, de saírnos do camiño marcado, de prantarlle cara á vergoña e ao medo para comezar confiar na nosa propia intuición.
De aí o nome do movemento #SilencioEstamosInCrescendo.

“Os nosos corazóns”, explican Laura e Elvira, “están feitos con retais e simbolizan a experiencia acumulada ao longo dos anos e unha porta que se abre cada vez que nos atrevemos a confiar en nós mesmas”.

A través de obradoiros de costura, as mulleres valdeorresas poderán poñer en valor o seu talento e inspirar á sociedade a deixar de buscar fóra as respostas que levamos dentro.
O programa lanzarase de maneira oficial o vindeiro 15 de outubro coincidindo co Día Internacional da Muller Rural, e ofrecerá obradoiros e retiros para as persoas que desexen desprazarse ata Valdeorras e coñecer de primeira man a experincia das protagonistas dunha iniciativa que aspira a converterse nun referente da economía social.

“Conseguirán estas mulleres cheas de vida animar os nosos corazóns e crear riqueza no Camiño de Inverno? Velaí o reto de MATRIA e de todas aquelas persoas e entidades que desexen compartir este camiño connosco”, conclúe Laura Fernández.

Fotos cedidas.