CulturaCulturaÚltima hora

Nesta edición do FIC Vía XVIII de Verín gravarase un podcast e unha curta en vivo

 

Na súa 9º edición, o FIC Vía XIV aposta pola creación in situ, sacando o audiovisual da pantalla, levando a creación á rúa. Para iso, van realizar unha curta en directo na feira de Verín e tamén gravarán un podcast no Auditorio. A gravación da curta será o martes día 3 de setembro pola mañá e o podcast o sábado 31 de agosto ás 20:30h. no Auditorio Municipal.

“Verín no foco: día de feira” é o nome que engloba unha xornada na que o equipo do FIC Vía XIV se porá detrás das cámaras para gravar unha curta que se adentre nas historias de vida das nosas tendeiras de confianza. A peza que resulte desta xornada poderá visualizarse a través das redes sociais do festival. O FIC continúa sendo contentor e creador de cinema inspirado na nosa comarca e, desta volta, quere mover os marcos mentais de como acostumamos ver a feira de Verín para poder observala dende detrás dos postos.

Ademais, o día 31 de agosto ás 20:30h. terá lugar a gravación en directo dun episodio do podcast “As Bichas”, da Revista Luzes, no Auditorio Municipal de Verín. A entrada é libre e de balde. “As Bichas” son Rosalía Macías e Sofía Caamaño, ou Rosi&Sofi, dúas xornalistas serias que neste podcast fan de reporteiras dicharacheras. Da man da Revista Luzes, sobreanalizan mes a mes temas que lles resoan e para os que, moitas veces, nin elas mesmas teñen resposta. No FIC Vía XIV realizan un episodio en directo no que falan de como o xénero e a clase atravesan a cultura e tamén sobre como moitos produtos audiovisuais nos fan ampliar os nosos lindes mentais. Coa colaboración especial de Mariana Carballal.

Dende a organización, salientan a importancia de achegar a creación á veciñanza. “Para o FIC Vía XIV é esencial que o audiovisual non se vexa como algo afastado do noso día a día, senón como unha ferramenta a través da que narrar as nosas propias historias. Por iso, cremos que é moi emocionante poder albergar actividades deste tipo, nas que a veciñanza se implique na creación e nas que poidan ver como se realiza unha gravación en directo”, explica Carlos Montero, director do festival.

Artigos relacionados

Back to top button