CulturaCulturaÚltima hora

“Neura” de Ste Xeito Produccións, no Auditorio de Verín o vindeiro 30 de abril

 

O martes 30 de abril, ás 20:30 horas, o Auditorio Municipal de Verín acolle a representación teatral da obra “Neura” de Ste Xeito Produccións, dirixida por Manuel Pombo. “Neura” é unha comedia que aborda o tema da saúde mental. Os seus protagonistas (interpretados por Stephy Llaryora e Sergio Macías) conviven con teimas propias e alleas. Tentan agochar algunhas, exhiben outras orgullosos, en ocasións búscanlles tratamento, pero sempre sofren por elas.

“Esta non é unha unha comedia romántica: Edu e Sonia, xa viviron no pasado a súa historia de amor e desamor que terminou precisamente por mor deses pequenos trastornos. Non son amigos, non son amantes. Son esa categoría difusa á que chamamos ex. Xente da que sabemos ata o seu grupo sanguíneo, pero coa que actuamos como perfectos descoñecidos”, explican dende a compañía.

 

 

Os azares da vida fan que volvan atoparse en distintas circunstancias. Obrigados unha vez máis a poñer a proba a compatibilidade das súas neuras. Con todo, a evolución de cada un por separado, durante estes anos, a través de diferentes terapias e pseudo-terapias fai que se encontren fronte fronte cunha versión actualizada da persoa á que coñeceron.

“Neura” é “unha comedia neurótico-festiva na que todos e todas nos veremos reflectid@s”, din dende a compañía.

Artigos relacionados

Back to top button