En portadaEntrevistasÚltima hora

“No duelo perinatal é fundamental que a parella permaneza unida”

María Conde e José de Jaime contan nesta entrevista, publicada o 1 de outubro na edición en papel do Periódico O SIL, a experiencia do falecemento da súa filla Clara na semana 40 de xestación

María Conde e José de Jaime aseguraban na entrevista concedida en setembro ao Periódico O SIL que o “duelo perinatal é un duelo que non se entende por parte da sociedade”./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Era un embarazo normal que ía pola 40 semana de xestación. A valdeorresa María Conde e José de Jaime agardaban con gran ilusión a chegada do seu primeiro bebé, Clara. Pero todo se truncaba un 18 de setembro de 2020. Ese día a nena, “que era moi inqueda, movíase con total normalidade, como sempre, pero ao final da tarde deixei de notala dunha maneira moi evidente. Fomos ao Hospital de Valdeorras e alí, a través dunha ecografía, dixéronnos que non había latexo. A partir de aí comezou un inferno, un proceso moi difícil no que os profesionais sanitarios explicábannos como ían actuar. Séguese o proceso natural do parto, pero dando a luz a unha nena sen vida, algo moi complicado de xestionar porque tes que asumir que a túa filla faleceu, que todo o que tiñas pensado ata ese momento non vai suceder. E debes enfrontarte igualmente a dar a luz”, conta María Conde, xunto á súa parella.

Ambos afrontaban unha dramática e complexa situación. “Nesas primeiras horas de shock estás como nun limbo, é como se o teu corpo estivese no hospital e a túa mente fose por libre”, lembra María Conde. “Tras recibir esa nova tan cruel, os primeiros momentos son de moita angustia e confusión, non sabes o que vai pasar, cal vai ser o proceder”, engade José de Jaime. De aí que os dous agradezan e lembren con moito agarimo o apoio e recomendacións do persoal sanitario que os atendeu naqueles difíciles días, “a empatía e humanidade que tiveron con nós axudáronnos a que a primeira etapa do duelo se levase de forma adecuada para despois poder seguir o proceso: recomendóusenos facernos fotos coa nena, déronnos unha caixa de recordos, en fin, seguiuse un protocolo que é moi necesario que se estableza de forma específica nos hospitais cando alguén sofre esta fatalidade”.

Tras saír do hospital, contactaron coa Asociación Bolboretas no Ceo. “Iso axudounos moito a ver que esta situación non é tan excepcional, porén é un tema do que ninguén quere falar”. Esta parella recoñece que a dor pola morte de Clara “é algo que non se supera nunca, convívese con ela”, pero destacan a importancia de completar o proceso do duelo perinatal e de seguir adiante. Hai pouco foron pais de novo, desta volta dun neno, Alonso.

Os dous serán ponentes na “I Xornada sobre Morte Perinatal. O duelo invisible”, que promoverá De Nai a Nai no Barco o 15 de outubro. Comparten a súa experiencia porque consideran crucial darlle visibilidade á morte perinatal para crear conciencia social “xa que é un duelo que non se entende por parte da sociedade”, din.

¿Que é a morte perinatal?

María Conde (M.C.): É a que se produce entre a semana 22 de xestación e os 7 primeiros días de vida dun bebé. Eu descoñecía que puidese darse unha morte tan tardía, non sabía de ninguén a quen lle sucedese. Sen embargo, podo dicir que cando Clara morreu si que se me achegou xente do entorno de Valdeorras a dicirme que iso tamén lle pasara a un familiar seu. No embarazo nunca cho din, pero é unha realidade que existe, e máis do que puidera pensarse.

¿Como se leva o proceso do duelo perinatal, é diferente a outro duelo?

M.C.: É moi diferente pese a ser un duelo pola morte dun familiar porque está moi deslexitimado, a xente non che outorga ese dereito a estar triste porque che din es xove, xa terás máis fillos. É un duelo que non se entende por esa parte da sociedade que non o viviu, é moi complexo.

José de Jaime (J.J.): É diferente ao ser o duelo por unha persoa á que non viron e coa que non conviviron e, ao final, olvidáselles máis facilmente. Ademais estamos preparados para perder aos maiores, é algo que asumes que vai pasar, aínda que sexa doloroso, pero non vai contra natura como é a noticia de que un fillo que vai nacer, inesperadamente, naza sen vida. A primeira etapa do duelo vívese no propio hospital, tras recibir esa fatal noticia, son momentos de moita angustia e confusión, no meu caso tampouco sabía o que ía pasar con María. Pero grazas ao apoio do persoal, pese á traxedia e ao dramático do desenlace, temos un recordo grato dos que nos atenderon e iso é clave para poder afrontar as seguintes etapas do duelo.

M.C.: A atención hospitalaria é moi importante, deben implantarse protocolos para que o persoal sanitario os coñeza e os leve a cabo. A min explicáronme que ía dar a luz á miña filla, déronme moita información, pero eu estaba nun limbo, de feito teño moitas lagoas deses días; sen embargo, eles insistían e repetían as cousas as veces que fose necesario. Ademais animáronnos a coñecer á nosa filla, a estar con ela, a sacarnos fotos… Se o pensas friamente podes dicir. ¿como vou estar con ela se está morta? Pero vante animando e déixanche claro que eu fun mai e José pai. Tivemos intimidade e estivemos con Clara o tempo que quixemos.

 

Caixa de recordos de Clara. “Nesta caixa non podería caber xamais o amor dos teus pais, pero si o teu paso polo mundo. Serás sempre eterna”, din María Conde e José de Jaime.

 

J.J.: Estivemos sós nunha habitacióin onde non había outros pais con bebés, déronnos unha caixa de recordos coas súas pegadas, co seu peso, coa data de nacemento, como calquera outro bebé… E iso é algo que co tempo agradeces. Moitas persoas que pasaron polo mesmo e coas que falamos, ao final, arrepíntense de non ter feito esas fotos ou contan que nos hospitais nos que deron a luz non lles ofreceron esa posibilidade.

Non hai moito volveron ser pais, ¿como se vive este novo embarazo?

M.C.: Si, tivemos outro fillo despois de Clara, pero a súa morte non se supera nunca, é como a de calquera outro familiar, vives facéndote á idea de que xa non está, pero dóeche cando o lembras ou cando chega unha data sinalada. Nós tiñamos moi claro que queríamos volver a ser pais, o que non sabiamos era cando, pero, de repente, apareceu Alonso e a verdade é que foi o mellor que nos pasou.

J.J.: É un embarazo que vives dunha forma completamente distinta. Cando recibes a noticia, aínda que soe un pouco duro dicilo, non tes ilusión, sentes medo, revives o pasado… E ademais coincidiu máis ou menos nas mesmas datas que as de Clara.

M.C.: Parecía que a historia se repetía, pero de novo aquí temos que agradecer a atención do persoal sanitario. Puidemos levar o embarazo en Soria, que é onde residimos, pero decidimos facelo no Hospital de Valdeorras porque aquí xa coñecían a nosa historia e se facían cargo de que chegabamos a el cunha carga emocional moi grande. Para min enfrontarme ás ecografías non era o mesmo que para outra muller porque eu xa perdera a inocencia, xa sabía que un embarazo pode acabar ben ou non.

J.J.: Ata que chega o momento do nacemento e ves que sae todo ben, tes ese medo, loxicamente non o vives da mesma maneira.

¿A Alonso váiselle falar de Clara como irmá?

M.C.: Si, é algo que tamén vimos reivindicando moito. Hai un esquecemento xeralizado destes nenos, a xente enténdeos como se foran un mal recordo e en realidade non é así. A min falar de Clara non me resulta doloroso, resúltame dolorosa a súa morte, pero non ela. A Alonso falarémoslle de Clara con naturalidade, dirémoslle que tivo unha irmá e que faleceu.

Texto: Ángeles Rodríguez

A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel de outubro do Periódico O SIL.

Artigos relacionados

Back to top button