PolíticaÚltima hora

Noa Presas (BNG) pide no Parlamento galego máis horas de pediatría no Centro de Saúde vianés

Recollendo as demandas veciñais e do Concello vianés,  a deputada solicitaba incrementar un día máis á semana este servizo
A deputada nacionalista Noa Presas, no Parlamento galego.

Hai apenas un mes, o 3 de xaneiro, Noa Presas, deputada do BNG por Ourense no Parlamento galego, participaba na concentración convocada pola Asociación Bico Doce de Apoio á Lactancia Materna e Crianza Respectuosa de Viana do Bolo para pedir “un servizo de pediatría de calidade” neste municipio.

Presas recollía esa demanda e na mañá do 31 de xaneiro levábaa ao Parlamento galego. Así reclamaba incrementar as horas de servizo de pediatría nesta localidade, “que ten unha poboación asistencial de case 300 nenos e nenas, 205 só neste municipio, pero que tamén atende ás localidades de A Veiga e Vilariño de Conso”.

En concreto, o BNG recolle a petición da veciñanza e do propio Concello para incrementar un día máis o servizo de pediatría, que agora se limita a un día a semana. “É inhumano que unha nai cunha urxencia teña que coller o coche e desprazarse máis de 30 quilómetros ata Viana de Bolo”, alegou Presas no debate da iniciativa nacionalista que foi desestimada polo PP, “pese a que se trata dunha petición máis que razoable e que non require un gran investimento”.

A deputada do BNG considera que o goberno galego “deixarse de comisións de expertos en demografía e, se quere realmente apoiar a natalidade, a mellor maneira é poñendo servizos públicos a disposición das familias, en particular daquelas que apostan por desenvolver o seu proxecto vital no rural”.

Ademais Noa Presas anunciaba que o BNG seguirá reclamando mellorar o servizo de pediatría no Centro de Saúde de Viana do Bolo, “porque supón un beneficio concreto para centos de familias”, e acusaba ao PP de “persistir nos recortes en prestacións básicas como a sanidade”.

Artigos relacionados

Back to top button