Eleccións Xerais 2023PolíticaÚltima hora

Noa Presas, cabeza de lista por Ourense do BNG ao Congreso dos deputados

O reto desta formación política será "conseguir un grupo galego forte no Congreso para facer valer os intereses dos galegos e das galegas ante o goberno do Estado"

 

O BNG presentaba este martes aos seus cabezas de lista ao Congreso dos deputados. Candidatura que en Ourense lidera Noa Presas, na Coruña Néstor Rego, Carme da Silva por Pontevedra e Daniel Castro por Lugo. “O 23 de xullo está nas mans dos galegos e das galegas facer posible que Galiza conte en Madrid, que defendamos con forza os nosos intereses e que condicionemos a política do Estado ao favor dos galegos e gas galegas”, indicou a líder nacionalista.

O BNG considera que a sociedade galega “ten unha axenda propia e con temas centrais para o desenvolvemento de Galiza”. Con respecto disto, Pontón manifestou que “os temas da axenda galega teñen que aparecer con forza no Congreso, teñen que ser defendidos e negociados desde un grupo parlamentario galego forte, coas mans libres para defender os intereses da nosa sociedade”.

A líder do Bloque recalcou que “o 23 de xullo non imos aceptar o guión imposto desde Madrid para estas eleccións”, engadindo que “á sociedade galega ese guión non lle resolve ningún dos seus problemas porque non atende a ningunha das nosas necesidades”.

“O agravio do Estado a Galiza só ten unha vía de solución: acabar co servilismo das forzas que teñen o seu centro de decisión en Madrid e facernos valer por nós mesmas”, declarou.

“Fronte ás forzas centralistas”, o BNG presenta para o 23X “unha candidatura de país ao servizo de Galiza. Conformamos as cabezas de lista ás eleccións xerais cun equipo sólido, comprometido e capaz, con saber facer, con enerxía e cunha única lealdade: a da defensa dos intereses dos galegos e das galegas”, indicaba Pontón.

 

 

Noa Presas, Néstor Rego, Carme da Silva e Daniel Castro

Pola provincia de Ourense, a cabeza de lista será Noa Presas, que tamén forma parte do grupo do BNG no Parlamento Galego. Pontón referiuse a ela como “unha persoa absolutamente seria e rigorosa no seu traballo parlamentario, comprometida, feminista, coñecedora de todo o que afecta a Ourense e absolutamente comprometida con defender o futuro que Ourense merece”.

Néstor Rego, o actual deputado do BNG en Madrid, encabeza de novo a candidatura do Bloque pola Coruña. “Néstor demostrou que un só deputado do BNG en Madrid foi capaz de dar voz e de poñer enriba da mesa todas as problemáticas e cuestións de relevancia para Galiza no Congreso”, indicou a portavoz nacional.

A aposta do BNG por Pontevedra é Carme da Silva, á que Pontón cualificou como “unha persoa que é garantía de traballo, de solidez e de capacidade política”. Carme da Silva, que fai parte da Executiva nacional do BNG e que vén de dirixir a exitosa campaña das eleccións municipais, ten na súa traxectoria a experiencia de ser parte central do Goberno Municipal de Pontevedra, coñece e traballa de primeira man en relación aos grandes retos que cómpre atender no presente como a sustentabilidade, a transición ecolóxica ou as políticas urbanas.

Pola provincia de Lugo encabeza a lista Daniel Castro, actualmente deputado no Parlamento Galego. “Castro é unha persoa moza e preparada, aválao o seu magnífico traballo no Parlamento nestes anos e ten un coñecemento amplo das necesidades, problemas e retos que enfronta o tecido económico e social da provincia de Lugo” indicou a líder do Bloque. “Será a voz que defenda tamén en Madrid as problemáticas que máis impactan na mocidade e as cuestións lingüísticas e culturais”, engadiu.

Pontón convoca á cidadanía galega a que o 23X acuda ás urnas “coa cabeza e co corazón en Galiza, sumando todo o voto galego, de país, no BNG” para que, en consecuencia “poidamos frear en seco un posible goberno da dereita coa extrema dereita machista, e antigalega”. E finalizaba destacando que o BNG está “preparado para volver facer historia o 23X, cun BNG á alza que non deixa de sumar apoios”.

Artigos relacionados

Back to top button