Eleccións Xerais 2023PolíticaÚltima hora

Noa Presas: “No 23X podemos conseguir un BNG máis forte que poña a Valdeorras e a Ourense no mapa”

A cabeza de lista do BNG ao Congreso pola provincia participaba esta tarde nun acto público no Barco xunto ao concelleiro local Suso Vilasánchez e á alcaldesa da Rúa, María G. Albert

 

Na provincia de Ourense “a batalla polo último escano estará entre o BNG e o PP. Desputamos ese escano e podemos conseguir ser un BNG máis forte que poña a Valdeorras e a Ourense no mapa”. Era a mensaxe na que insistía a candidata ao Congreso por Ourense da formación nacionalista, Noa Presas, ao pechar o acto público celebrado esta tarde no salón de actos do edificio multiusos do Barco.

A cabeza de lista do BNG, Noa Presas, lanzaba un chamamento á veciñanza para que confíen na capacidade do BNG para defender os intereses da comarca no Estado. “É hora de dar oportunidade a outras voces para dicir o que facemos e facer o que dicimos. Imos favorecer á alternativa á dereita, e imos ser garantía da defensa do noso país e de avances sociais. Por iso queremos un grupo galego forte, onde tamén haxa representación de Ourense e Lugo, porque son as provincias que máis o necesitan”, aseguraba, destacando que “o voto útil é ao BNG”.

 

 

Noa Presas facía un repaso pola situación das infraestruturas da comarca, tanto viarias, destacando que a N-120 “que é unha das estradas con máis mortalidade de odo Estado e non se lle poñen solucións, non se escoitan as nosas demandas”. Tamén aludía a que provincia ten as “pensións medias máis baixas de todo o Estado, un cuarto máis baixas”, así como á necesidade de mellor o saneamento dos ríos ourensáns e de que a súa “xestión a fagamos dende aquí e non a 500 km de distancia”. Destas cuestións, continuaba, “non se fala nos debates, pero dende o BNG queremos darlle a volta a isto e converter estas eleccións nas de Galiza, é momento de facernos valer como país”.

De aí, concluía “a importancia de que o BNG teña unha voz forte no Congreso que condicione a política do Goberno do Estado defendendo os intereses da comarca”.

 

 

Ademais de Noa Presas, neste acto tamén interviña o concelleiro do BNG no Barco Suso Vilasánchez, quen poñía en valor o labor realizado polo único deputado que tiña esta formación política no Congreso nesta lexislatura que vén de rematar, Néstor Rego. “Queremos mandar a Madrid xente que saiba e que leve con ela o peso desta nación como Néstor e como Noa”.

 

 

Logo daba paso á rexedora da Rúa, María G. Albert, “primeira alcaldesa da Rúa a primeira alcaldesa nacionalista de Valdeorras. É unha muller que, como Noa, coñece o país”. Pola súa banda, María G. Albert referíase ao abandono da comarca en materia de infraestruturas mencionando “o lamentable estado da N-120” ou o proxecto da “A-76, que non existe e que tanto se recriminan uns e outros”.

 

 

E facía fincapé en que, “tanto a estación da Rúa como a do Barco, están pechadas porque o PP iniciou un camiño, que logo o PSOE continuou aproveitando a pandemia para retirar os servizos ferroviarios, cando o tren era o centro neurálxico das comunicacións de Valdeorras. E ese é un dos motivos polos que necesitamos a presenza do BNG en Madrid, por iso é moi importante que sexamos capaces de ter un grupo parlamentario forte no Congreso. E temos a posibilidade real de que esta provincia teña representación en Madrid”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button