CulturaCulturaÚltima hora

Nova campaña de escavación na “Casa dos Guerrilleiros” en Repil (A Pobra do Brollón)

Publicidade
Esta intervención, que se iniciará o 16 de abril, complementarase cunha xornada con charlas sobre a guerrilla prevista para o 21 de abril
“Casa dos Guerrilleiros” en Repil (A Pobra do Brollón)./ Foto cedida.

Na década de 1940 a denominada Casa dos Guerrilleiros, en Repil (A Pobra do Brollón), convertíase en refuxio temporal para un destacamento da guerrilla antifranquista. Unha ocupación que remataba repentinamente o 20 de abril de 1949, data na que a Garda Civil rodeaba a vivenda. Os guerrilleiros que a ocupaban eran tiroteados e a familia propietaria da casa, detida.

Despois deste tráxico suceso esta edificación quedaba abandonada e esquecida. Sen embargo, a memoria daqueles feitos nunca se borrou no caso dun dos descendentes da familia de propietarios da casa, Antonio Díaz. Así, no ano 2016 o lugar era recuperado cunha perspectiva de “Arqueoloxía do Conflito” e cunha finalidade de converter o espazo nun recurso para a educación na paz e na convivencia. Foi ademais obxecto de diversas investigacións.

Agora, dous anos despois, os arqueólogos regresan a esta casa de Repil nunha nova campaña que se iniciará o 16 de abril e na que, a parte da escavación en si, adiantan que se incorporarán “novos métodos como a utilización dun gradiómetro co que se realizará un estudo magnético do subsolo puidendo revelar estruturas non visibles en superficie. O uso do gradiómetro é idóneo neste momento xa que o lugar se atopa limpo de vexetación logo dos devastadores incendios de 2017. Durante a vaga de lumes o inmoble foi cercado polo lume mais salvado polo esforzo dos brigadistas”.

O arqueólogo Xurxo Ayán incide na importancia desta segunda intervención arqueolóxica polo deterioro do propio lugar arqueolóxico e pola curta duración da primeira campaña. A intervención, que está promovida pola Asociación de Veciños María Castaña de Cereixa e polo Concello da Pobra do Brollón, está ligada á outra gran aposta arqueolóxica do territorio: O Castro de San Lourenzo.

Como complemento a esta campaña de escavación, o próximo día 21 de abril desenvolverase na Pobra de Brollón unha xornada con diversas charlas e outro tipo de actividades. Comezará na Casa da Cultura deste concello ás 10:30h. da man de Xurxo Ayán, quen falará sobre as “Arqueoloxías da guerrilla”, despois Manuel Gago dará unha conferencia titulada “Corrían espidos entre o millo: a guerrilla galega entre a realidade, a lenda e aficción”.

Xa en Repil ás 13h. renderase unha homenaxe aos guerrilleiros abatidos en Repil, con música a cargo de Pablo Camarero. E, durante a tarde, na Vella Taberna, ás 16:30h. Celtia Rodríguez e Mario Saturnino Pereiro abordarán a “Arqueoloxía da Cidade da Selva”, Xiana Vilar o “Turismo memorial da guerrilla en Galicia” e, finalmente, Alejandro Rodríguez e Xurxo Ayán centraranse en “A guerrilla antifranquista en Galicia-León (1944-1952). Que pasou en Repil?”.

Artigos relacionados

Back to top button