
Colaboración en materia arqueolóxica entre a Universidade de Vigo e o Concello ourensán de Baños de Molgas. O Grupo de Investigación en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) participará no desenvolvemento de proxectos de investigación arqueolóxica (prospección, escavación, analítica e estudo de materiais, conservación-restauración, musealización, difusión e divulgación) no castro do Alto de Acea, tamén coñecido como Outeiro do Castro.
A iniciativa nace froito dun convenio marco (cunha duración de catro anos) e outro específico de colaboración asinados a pasada semana entre Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Xaime Iglesias, alcalde do Concello de Baños de Molgas. Trátase “dunha iniciativa moi boa”, dicía o reitor, quen ademais amosaba o seu agradecemento ao Concello “pola confianza depositada nos nosos investigadores e investigadoras”.
Igualmente, o alcalde de Baños de Molgas expresaba a súa satisfacción pola posta en marcha desta colaboración para continuar avanzando “nas cuestións que temos abertas en temas de patrimonio”. Concretamente, indicou, a colaboración permitirá avanzar nos traballos no castro do Alto de Acea, un castro que, indicou, “tennos dado nas dúas últimas campañas moitas alegrías”. Aínda que pola situación provocada pola pandemia o alcalde explicou que non é o momento propicio “para facer grandes investimentos”, sinalou como “si temos que manter a espita de poder seguir facendo algo”.
Este ano se desenvolverá “unha campaña que vai ser moi cortiña, cun orzamento pequeno”, dicía o rexedor, pero que será “o inicio dunha colaboración por moitos anos”. Tras a sinatura do convenio, o reitor, o alcalde e outros membros da institución académica e municipal, como Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, e Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia, visitaron o encrave arqueolóxico.
Castro do Alto de Acea
O convenio específico asinado entre Concello e Universidade inclúe o desenvolvemento de proxectos de investigación arqueolóxicos na área do castro do Alto de Acea e a súa contorna, a parroquia de Santo Estevo de Ambía. Trátase dun xacemento castrexo de forma elíptica (de 190×150 metros), emprazado nunha cima cunha altitude de 561 metros e sobre o río Arnoia, que marca a división entre os concellos de Baños de Molgas e Xunqueira de Ambía. Desde o ano 2017, no encrave véñense desenvolvendo anualmente intervencións arqueolóxicas baixo a dirección do arqueólogo e egresado da Universidade de Vigo David Pérez, traballos aos que se lle dará continuidade e pulo co convenio asinado agora entre a institución académica e o concello ourensán, segundo informa a Universidade de Vigo.
Tamén abrangue o acordo específico a organización e realización de actividades académicas relacionadas ou resultantes destes proxectos de investigación arqueolóxica, tales como a participación nas escavacións en réxime de prácticas oficiais de alumnado da UVigo (do Grao en Xeografía e Historia, do programa conxunto dos graos de Turismo e Xeografía e Historia ou asimilables); apoio a investigadores e investigadoras en formación (mestrado ou doutoramento); presentación de comunicacións en congresos ou simposios científicos (estatais ou internacionais); organización de exposicións ou visitas guiadas e impartición de charlas ou conferencias divulgativas, entre outras actividades.

Ademais, o convenio contemplea labores de coordinación e dirección científica centralizada de todos os traballos e proxectos de índole histórico-arqueolóxica ou patrimonial que, sendo alleos á Universidade de Vigo, se estean a realizar ou poidan realizarse no futuro nesta área arqueolóxica, incluíndo a elaboración, redacción e posta en funcionamento dun plan director para o conxunto histórico e patrimonial de Outeiro do Castro. Por último, o convenio recolle a “asesoría, colaboración e, no seu caso, realización directa, doutras intervencións arqueolóxicas que poidan acontecer no termo municipal de Baños de Molgas, sempre que sexan de interese mutuo entre as partes”.