A GudiñaA RúaA VeigaBandeConcellosSen categorizarViana do Bolo

Novos traballos de roza e limpeza en estradas valdeorresas, entre outras

Comezarán as rozas na OU-933, no municipio da Rúa; na OU-533, ao seu paso pola Gudiña, Viana do Bolo, A Veiga e A Rúa, e na na estrada OU-525, no tramo entre a cidade de Ourense e Allariz

 

A Xunta ten previsto iniciar a vindeira semana novos traballos de roza e limpeza en catro estradas autonómicas, tres na provincia de Ourense e nunha da de Pontevedra. En paralelo proseguirase coas tarefas que nas últimas semanas se están a realizar en distintas vías das provincias da Coruña e de Lugo.

Dende a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, véñense realizando nos últimos meses este acondicionamento nas franxas de dominio público de vías autonómicas para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

No marco destas actuacións, comezarán os traballos nas estradas OU-525, no tramo entre a cidade de Ourense e Allariz; na OU-933, no municipio da Rúa; e na OU-533, ao seu paso pola Gudiña, Viana do Bolo, A Veiga e A Rúa. Ademais proseguirán os labores, iniciados a pasada semana, na estrada OU-540, nos municipios de Ourense, Celanova, Verea, Bande, Lobeira e Lobios.

Os traballos que se veñen realizando céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, coa fin de previr incendios forestais. Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas autonómicas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario. Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas, segundo a consellería.

As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.

Ademais de na provincia de Ourense, tamén se realizarán actuacións na provincia de Pontevedra. Así está programado o inicio destas tarefas na VG-4.4, que comunica Lourizán e Ardán, ao seu paso por Marín. Tamén continuarán os labores de limpeza das marxes na vía de altas prestacións: CG-4.2, entre Tomiño e A Guarda.

En canto ás actuacións nas estradas de titularidade autonómica da provincia da Coruña, proseguirán os traballos de limpeza e roza na VAP VG.-1.2, na estrada que une Ares e Mugardos. No caso das estradas autonómicas da provincia de Lugo, proseguirán as tarefas iniciadas a pasada semana na estrada LU-530, en Lugo e Castroverde.

Artigos relacionados

Back to top button