ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Numerosas persoas desfrutan da V Festa da Pisa de Parada de Sil

Tiña lugar na mañá do 19 de novembro e incluía unha mostra de produtos locais e un xantar popular

Case sen cesar, os sacos de castañas secas golpeábanse, por tandas, sobre o pisón. Veciños e visitantes mesturábanse ao facelo, compartindo unha tarefa tradicional que se recuperaba hai cinco anos na parroquia de Purdeus (Parada de Sil). Dende entón a Festa da Pisa congrega a un numeroso público que participa e desfruta deste antigo proceso, que comeza co secado das castañas no sequeiro, que despois se golpean e e criban. E así xa están listas para ser degustadas polos asistentes á celebración, que desta volta reunía o 19 de novembro a unhas 300 persoas.

“Tivemos un tempo estupendo a pesar das previsións, que eu creo que botaron a moita xente para atrás, pero aínda así vemos que hai unha gran afluencia de persoas que participan, veciños e visitantes. Deste xeito rememoramos o que facían os nosos antepasados e amosámollo tamén á xente nova que nunca o viu facer”, explicaba a alcaldesa de Parada de Sil, Yolanda Jácome.

Ao mesmo tempo, os asistentes podían percorrer os preto de postos da Feira de Produtos Locais, entre os que podían atoparse multitude de propostas artesás, tanto de alimentación (como marmeladas, barquillos, castañas elaboradas ou viño), como de obxectos de cerámica, decoración ou bisutería. O programa desta quinta Festa da Pisa de Purdeus incluía asemade un xantar popular a base de empanada, croca de tenreira, sobremesas, acompañadas de bebidas e café. Asemade o ambiente da celebración estivo animado pola música tradicional do grupo Os Trabazos de Castro Caldelas.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button