Na mañá deste mércores 23 de outubro presentábase o 10º RallyMix Concello de Barbadás “Memorial Gonzalo Belay” no Museo da Gaita de Fole, nun acto que destacou o impacto deportivo e social desta proba no municipio e na provincia de Ourense. O evento, que se celebrará os días 26 e 27 de outubro, será a última cita do Campionato Xunta de Galicia de RallyMix, consolidándose como “un dos referentes do automobilismo galego”, dixeron na presentación.
O director do RallyMix, Pepe Sampayo, encargouse de abrir o acto destacando que este rally é o decano do Campionato Galego de Rallymix. Subliñou as características técnicas do trazado, altamente esixente e espectacular, e fixo fincapé no “elevado número de inscritos desta edición, que ascende a 75 participantes, o que reflicte o éxito e a expectación xerada pola proba”.
Pola súa parte, Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás, resaltou o papel esencial do Concello no apoio á organización do rally desde a súa primeira edición, así como a importancia de fomentar o deporte no municipio, especialmente unha disciplina que vencella a localidade co mundo do motor.
César Fernández, Vicepresidente 2º da Deputación de Ourense, quixo poñer en valor o compromiso da Deputación coas actividades deportivas da provincia, facendo especial referencia ao apoio que brindan aos eventos de motor, que atraen a numerosos visitantes e promoven o turismo local.
Durante a presentación, Manuel Pérez, Xefe de Deportes da Xunta de Galicia, transmitiu o respaldo da administración autonómica á proba en nome do Conselleiro de Deportes e do Secretario Xeral, destacando a relevancia desta competición dentro do calendario galego de deportes de motor.
Antonio Rodríguez Troitiño, presidente da Federación Galega de Automobilismo, aproveitou a ocasión para felicitar á organización por estes 10 anos de éxitos continuados, reiterando que este rally mix é único en Galicia e símbolo de constancia, converténdose nunha peza clave do campionato.
O presidente do Comité Organizador, Juan Carlos Villanueva “Marabú”, fixo un chamamento á Escudería Barbadás, cuxo “traballo e dedicación fan posible que esta proba se manteña como a derradeira do calendario, asegurando unha gran participación e un influxo considerable de visitantes á localidade ano tras ano”.
Para finalizar, Pepe Sampayo quixo agradecer o apoio das forzas e corpos de seguridade do Estado, así como dos patrocinadores, colaboradores e institucións que fan posible a celebración deste evento. Ademais, fixo un chamamento “á prudencia dos afeccionados, pedindo a súa colaboración coas recomendacións da organización para garantir o éxito e seguridade da competición”.
Aínda que a presenza dos vehículos e participantes en Barbadás comezará xa dende o venres, coa apertura do parque pechado ás 16 horas, as probas celebraranse o sábado dede as 11:45h. ata as 21:30h, hora límite de entrada no parque pechado. O domingo as probas comezarán ás 9:15h, con saída do parque pechado xa ás 7:30h. Toda a mañá do domingo celebraranse competicións. Ás 14h dese mesmo día está prevista a entrega de premios e trofeos e máis a rolda de prensa posterior que pechará a 10ª edición desta proba.