Os concesionarios oficiais da provincia de Ourense pertencentes á Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense, A.C.A.U.T.O., participarán como expositores no 15º Salón do Automóbil que se celebrará durante dúas fines de semana seguidas en Expourense. A fin de semana do 15 ao 17 de novembro terá lugar o Salón do Vehículo Novo, e dende o 22 ao 24 de novembro o do Vehículo de Ocasión. Trátase de dúas citas vencelladas cun dos sectores comerciais de maior peso na provincia de Ourense, o da automoción, e que está organizado de forma conxunta entre Expourense e A.C.A.U.T.O.
O salón era presentado na mañá deste martes 12 de novembro en Expourense nun acto no que participou o presidente do comité executivo de Expourense e delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo Cid; o secretario xeral de Cáritas Ourense, Javier Soto Varela, e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez González. Por parte de A.C.A.U.T.O. interviu o seu vicepresidente, César Fernández Mosquera, que participou acompañado por boa parte da xunta directiva desta asociación empresarial.
Todas as marcas presentes aproveitarán a súa presenza nesta cita para presentar os últimos lanzamentos e os vehículos que se van comercializar de cara a campaña do 2025. En total, participarán 16 empresas representando a 25 marcas que presentarán en total 37 de modelos novos. As marcas representadas son: ABARTH, AUDI, BMW, CITROËN, CUPRA, DACIA, FIAT, FORD, HYUNDAI, JEEP, KIA, LEAP MOTOR, MAZDA, MERCEDES BENZ, MG, NISSAN, OPEL, PEUGEOT, PORSCHE, RENAULT, SEAT, SKODA, TOYOTA, VOLKSWAGEN e VOLVO. Entre os dous salóns estarán expostos 660 vehículos o que converte a Expourense no maior concesionario do Norte de España durante estas dúas semanas.
Haberá vehículos de todas as motorizacións e destacará tamén a oferta en eléctricos, un sector que subiu un 29% dende o último ano. Ata o 30 de setembro vendéronse na provincia 1.283 coche eléctricos.
Tanto dende A.C.A.U.T.O. como dende Expourense indícase que estas dúas citas son unha magnífica oportunidade (por calidade, cantidade, variedade e prezos especiais en feira) para aqueles que buscan un coche novo. Como incentivo para animar aos visitantes a axilizar o proceso de decisión, a organización volverá sortear, entre os visitantes que pechen a compra dun automóbil novo ou de ocasión nestas citas, un cheque regalo por importe de 6.000 euros a descontar do prezo de compra do vehículo adquirido.
Este ano repítese tamén a colaboración con Cáritas Ourense, entidade que recibirá ao rematar estas citas unha cantidade fixa por cada vehículo vendido que será achegada por ACAUTO. Dende que se realiza esta acción que comezou no 2016, xa se teñen achegados máis de 40.000 euros.
O obxectivo destas citas é presentar no recinto feiral unha oferta completa e atractiva, que cubra todas as gamas e modelos de vehículos para adaptarse ás necesidades e preferencias dos visitantes. Trátase dun público obxectivo e amplo que poderá consultar nun mesmo espazo e de forma axeitada toda a oferta existente no mercado ourensán, e comparar opcións antes de decidir a compra do seu vehículo.
Dende ACAUTO insisten de novo na necesidade de rexuvenecer o parque móbil da provincia de Ourense, o máis antiguo e España, que na actualidade ten unha idade media de 17 anos.
Para facilitar a elección do novo coche familiar, volverá haber servizo de ludoteca gratuíto durante toda a fin de semana (venres de 17.00 a 20.30 h.; sábados de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 h. e domingos de 12.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 h.).
O horario do 15º Salón do Automóbil será os venres 15 e 22 de novembro de 11.00 a 20.30 h.; os sábados 16 e 23 de novembro de 10.00 a 20.30 h., e os domingos 17 e 24 de novembro de 11.00 a 20.00 h. O prezo da entrada son 3 euros por cada salón (menores de ata 12 anos teñen entrada gratuíta).